Begoña Freire presenta o dispositivo de tráfico para a noite de San Juan na Coruña
A concelleira de Tráfico e Mobilidade, Begoña Freire, informou esta mañá do dispositivo especial de tráfico que o seu departamento deseñou con motivo da celebración da Noite de San Juan: “Dende o Concello pedimos a máxima colaboración dos cidadáns para que, na medida do posible, nos axuden a minimizar os posibles problemas de tráfico e conxestións utilizando o transporte público ou achegándose aos principais puntos de celebración camiñando”, sinalou.
Tal e como informou Begoña Freire, o próximo domingo cortarase o Paseo Marítimo, entre as Esclavas e o cruzamento coa rúa Matadero dende as 18.00 horas ata as 07.00 do luns 24 de xuño, xa que, se o tempo acompaña, se prevé unha afluencia masiva ás praias de Riazor, Orzán e Matadero, principais puntos da celebración do San Juan coruñés: Decidimos adiantar o corte de tráfico no paseo con respecto a anos anteriores debido a que as previsións apuntan a que esa zona igualará ou superará o numero de asistentes do ano pasado, no que se contabilizaron unhas 140.000 persoas. Ademais queremos que todo estea a punto para as horas centrais da festa”, asegurou.
Con motivo do corte de tráfico, recoméndase aos condutores que se dirixan a Monte Alto e Torre de Hércules, que opten por circular pola avenida da Marina ou por Alférez Provisional. Tamén poderían decidirse pola rúa Juan Canalejo aínda que este itinerario non é tan aconsellable.
Ademais, as liñas de bus 4, 6, 6 A e 11 verán modificado o seu traxecto e circularán por Rúa Alta, Juan Canalejo, Zalaeta e rúa Hospital. A liña 3 A, dende Ciudad Escolar; circulará por avenida da Habana, praza de Portugal, Alfredo Vicenti, praza de Pontevedra, San Andrés, Rúa Alta, Juan Canalejo, Zalaeta, Hospital, praza de España, Veramar, Paseo Marítimo, Rolda de Monte Alto, As Lagoas e Adormideras, onde se incorporará ao seu itinerario habitual. Por último, a liña 7, dende Gregorio Hernández, circulará pola avenida da Habana, praza de Portugal e Alfredo Vicenti cara a praza de Pontevedra, onde se incorporará ao seu itinerario habitual.
Begoña Freire anunciou que se acordou coa Compañía de Tranvías o reforzo do Servizo Nocturno do transporte público, de modo que a frecuencia pasará de 60 minutos a 30 minutos entre as 00.00 horas e ata as 07.00 do día 24 de xuño: “O primeiro bus sairá do Obelisco ás 00.00 horas e o último ás 6.30”, asegurou e explicou que os buses das 00.30, 01.30 e 02.30 irán a Mesoiro, Feáns e Novo Mesoiro; e nos das 3.30, 4.30, 5.30 e 6.30 irá a estes barrios se hai viaxeiros que se dirixan a este destino. Os buses que saen ás horas en punto non se dirixirán a estes barrios co fin de investir menos tempo en realizar este traxecto. Desta forma o itinerario será o seguinte:
-Ás horas medias: Obelisco, praza de España, Hércules, Riazor, Labañou, Ronda de Outeiro, Joaquín Planells, Segunda Fase de Elviña, O Birloque, Mesoiro, Feáns, Novo Mesoiro, O Birloque, Monelos, O Castrillón, Os Castros, General Sanjurjo, Cuatro Caminos, praza de Ourense e Obelisco.
-Ás horas en punto é o mesmo itinerario, coa excepción de que a partir da Segunda Fase de Elviña continuará por San Cristóbal, Camilo José Cela, Monelos, O Castrillón, Os Castros, General Sanjurjo, Cuatro Caminos, praza de Ourense e Obelisco.
Ademais, no caso de que sexa imprescindible o uso do coche, elaborouse un plano cos aparcadoiros da cidade dispoñibles 24 horas e o grao de ocupación esperado, atendendo ás zonas de situación e prazas dispoñibles de rotación, para que os cidadáns poidan optar a deixar os seus vehículos aparcados e poidan achegarse ás praias andando ou en transporte público.
Esta información estará dispoñible a través do 010; nas páxinas Web da Compañía de Tranvías e Concello; e nos autobuses urbanos: “Se entre todos tomamos as medidas oportunas para minimizar a conxestión de vehículos, ao cortarse unha importante vía de circulación en ao cidade; prevendo con antelación os nosos itinerarios e, no seu caso, a posibilidade de aparcadoiro; e facilitando a circulación e fluidez do transporte público evitando aparcadoiros indebidos, seguro que conseguimos que entre todos poidamos gozar dunha noite máxica”, concluíu.











