Asinado o convenio para celebrar o IX Curso de Verán sobre Normalización Lingüística, que afonda na participación social

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoLocal
A-
A+
Sinatura do convenio

Sinatura do convenio

Carballo acolle un ano máis o Curso de Verán sobre Normalización Lingüística da Universidade da Coruña (UDC), unha cita que cumpre nove edicións e que desta volta está centrado na procura de maior participación e implicación no proceso social de normalización lingüística. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o Reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto, veñen de asinar o convenio que fará posible o desenvolvemento desta actividade, nun acto no que tamén estiveron presentes o director do Servizo de Normalización Lingüística da UDC, Xosé Ramón Freixeiro Mato; o concelleiro de Normalización Lingüística de Carballo, Xosé Regueira; e mais o director do curso, técnico de normalización de Carballo e presidente da CTNL, Nel Vidal. Armesto quixo subliñar a importancia da colaboración entre a UDC e o Concello, unha relación “que hai que manter e reforzar” para “seguir avanzando na posta en valor do noso idioma” e explorando novas vías de unión para “loitar polo dereito á educación, tamén á educación superior”. Pola súa banda, Ferrero manifestou o interese do municipio “polo achegamento á universidade galega”, nomeadamente á UDC pola súa proximidade coa vila, e desexou que actividades como este curso permitan “que a xente se identifique e se sinta orgullosa da súa actividade en galego”.

4 de xuño de 2013 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.