As obras do tranvía asegúranse para previr incidentes durante o San Juan nos areais coruñeses
A concelleira de Tráfico e Mobilidade, Begoña Freire, visitou esta mañá as obras do tranvía turístico, acompañada polos facultativos e outros técnicos responsables da reparación do tramo de plataforma que transcorre dende as Escravas ata a Torre de Hércules, coa finalidade de comprobar in situ a evolución dos traballos e o seu estado en previsión da celebración de San Juan.
A concelleira, os responsables da seguridade das obras e a empresa acordaran a interrupción e acondicionamento dos traballos durante a festividade de San Juan e a liberación da zona de abasto de materiais ocupada na explanada de Riazor para que tanto este espazo coma a lonxitude do tramo do paseo marítimo comprendido entre as Escravas e a Torre de Hércules se encontrasen nas debidas condicións de seguridade, coas obras libres de valos e de abasto de materiais, de forma que se garantise o pleno desfrute e seguridade dos coruñeses e visitantes, tanto no paseo marítimo como nos accesos aos areais.
Freire indicou que, dada a grande afluencia de público, as novas medidas se adoptan conforme á Lei de Prevención de Riscos Laborais e de forma coordinada co propio dispositivo especial de Seguridade e Emerxencias deseñado polo Concello no ámbito dos areais e a súa área de influencia.
“Ante un acontecemento tan multitudinario como o das Cacharelas de San Juan é imprescindible minimizar os riscos colectivos e persoais”, destacou a concelleira de Tráfico e Mobilidade, quen pediu a colaboración cidadá: “A nosa gran festa debe ser unha festa sostible e segura para todos”.
Segundo o proxecto de licitación, que foi adxudicado cun 27% de baixa, cun importe de 362.276,85 euros á empresa Extraco Construccións e Proxectos, executáronse os seguintes traballos: demolición e reconstrución da plataforma reservada entre as Escravas e Fonte dos Surfistas e da plataforma compartida entre Fonte dos Surfistas e a Torre de Hércules; levantado do carril embebido da totalidade da obra; levantado de desvíos transviarios fóra de tolerancia da totalidade da obra, eliminación destes e execución de elastómero tipo Corkelast nas zonas onde se executou a reconstrución de plataforma compartida.
A partir da finalización das festas de San Juan, proseguirase coas obras. Así, a partir do 24 de xuño e por un prazo de tres semanas, executarase tamén o rectificado da electrificación tendida entre Fonte dos Surfistas e Salesianos, comprendendo, entre outros, o retranqueo de soportes de catenarias cos seus correspondentes alicerces de formigón armado, novo sereno e toma. A finalidade é dar continuidade ao carril bici, que carecía de senda nese tramo.
A partir de mediados de agosto e por un prazo estimado de 3 ou 4 semanas executaranse as unidades de colocación de carril na súa xeometría correcta e conforme a tolerancias normativas (despois de realizarse durante os tres primeiros meses de obra o levantamento topográfico, utilizándose para iso os métodos de topografía especializada mediante carro de vía de última xeración que permitiu unha análise e estudo pormenorizado para posterior procesamento de datos), executando tamén o elastómero tipo Corkelast para arriostamento dos carrís na súa situación final; executaranse as soldaduras aluminotérmicas que dan continuidade ao carril e completarán as partidas de xardinaría (sebes de peche) e drenaxe adxacentes ás zonas de actuación.
A empresa informou de que estes últimos traballos están condicionados pola subministración de soldaduras aluminotérmicas con molde específico para ese tipo de carril, xa que, ao tratarse de vías deseñadas á marxe de estándares habituais, requiren un pedido a demanda que non ten stock habitual, polo que estima que os traballos poidan finalizar a principios de setembro.











