As obras de acondicionamento e pavimentación do acceso ao Muíño da Veiga desde Quintela darán comezo o próximo luns
O Concello de Ourense investirá case 50.000 euros no acondicionamento e pavimentación do acceso ao Muíño da Veiga, entre a estrada N-120 dirección Vigo, na zona de Quintela, e a zona termal. O próximo luns, 1 de xullo, a empresa adxudicataria do proxecto, TRAGSA, dará inicio ás obras, cunha primeira fase de canalización das tuberías e desbroce, previa ao acondicionamento e pavimentación dos accesos.
O camiño, que atravesa por debaixo a vía do ferrocarril e o desdobramento da estrada en dirección a Ourense, será cortado ao acceso dos vehículos durante o período de actuación, cuxo prazo de execución se estima en dous meses. O Concello recomenda empregar como uso alternativo á zona termal do Muíño o primeiro acceso da N-120 dirección Vigo.
A actuación contempla a roza e poda de vexetación nas beiras do camiño, a preparación dos terreos e limpeza de cunetas, a pavimentación e o adoquinado, así como a execución de dous caños transversais e unha barreira de seguridade.
As Pozas do Muíño da Veiga atópanse dentro do conxunto termal establecido no Plan Estratéxico Termal, aprobado polo Pleno do Concello de Ourense en 2007, que define tres ámbitos de actuación: a Área Termal das Burgas, a Área Termal do Campo da Feira e a Área de Reza. Entre estas dúas últimas atópase o Muíño da Veiga.
A pavimentación e acondicionamento incluirá:
-850 m. de roza e poda da vexetación existente nas beiras do camiño.
-3.741 m2 de preparación do terreo con nivelación do mesmo e limpeza de cunetas existentes.
-1.420 m2 de pavimentación formada por unha base e triple rego asfáltico.
-440 m2 de adoquinado de granito rústico nacional.
-Execución de dous caños tranversais de 300 mm de diámetro, reforzados con formigón.
-48 m. l. de barreira de seguridade.











