“As noites en Capela” comeza en Ferrol a ritmo de rock con “La maravilla enmascarada”
A programación de concertos do ciclo “As Noites en Capela” do mes de xuño, organizada pola Concellería de Cultura que dirixe Manuel Reyes García Hurtado, iniciase hoxe coa actuación de La maravilla enmascarada, que inundará a Capela do Torrente Ballester co seu rock. O concerto dará comezo ás 21:00 horas e as entradas poden adquirirse de maneira anticipada no despacho do Teatro Jofre ou a través da páxina web oficial do Concello: www.ferrol.es (apartado axenda cultural).
O novo espectáculo de Juan Hernández (Siniestro Total) e Rómulo Sanjurjo (Diplomáticos de Monte Alto). Trala frutífera experiencia de “Transportes Hernández e Sanjurjo”, o vigués de Casablanca e o coruñés de Monte Alto propoñen esta vez un percorrido musical multidimensional por universos paralelos e realidades alternativas. Sen deixar de lado a parte máis eficaz do seu anterior repertorio común, Hernández e Sanjurjo electrifícanse -en parte- e abandónanse -en boa medida- ao hedonismo máis voluptuoso con outras sensacións procedentes de repertorios tan aparentemente afastados como os de Petula Clark, King Crimson, Charley Patton, The Kinks, Can ou o compositor Andrew Lloyd Webber.
O concerto que hoxe ofrecerá La maravilla enmascarada abre esta nova tempada de “As Noites en Capela”. A programación completarase neste mes de xuño con tres novas actuacións, que levarán a cabo La caverna mágica –día 13-, Graham Summer –día 20- e Rober de Flor & Los Silvestres -día 27-.











