As noites de San Xoán e San Pedro iluminaranse en Vilagarcía con 332 cachadas
A coincidencia da noite de San Xoán en domingo e a declaración de festivo en toda a Comunidade Autónoma Galega do luns, 24 de xuño, influíron de forma notable na cantidade de fogueiras que teñen previsto realizar os vilagarciáns para celebrar esta tradicional festa e a de San Pedro, uns días despois. O Concello recibiu un total de 332 solicitudes para a realización de cachadas en ámbalas dúas noites, aínda que a maioría serán na noite do 23 ao 24 de xuño. O Concello tamén participará na popular festa de San Xoán montando unha gran cachada na praia da Concha.
Segundo os permisos tramitados polos vilagarciáns, as notes de San Xoán e San Pedro haberán fogueiras en todas as parroquias do municipio. Unha das zonas preferidas polos vilagarciáns para prender as súas fogueiras e realizar barbacoas son as praias da Concha-Compostela, onde este ano se solicitaron permisos para realizar 20 cachadas.
Por outra banda, tamén solicitaron permiso para a realización de barcacoas nas rúas preto dunha vintena de bares.
Este é o ano no que se realizarán máis cachadas en Vilagarcía dende que se establecera a necesidade de solicitar autorización. O ano pasado foran 250 os permisos tramitados e en 2011 200. Estes datos corroboran que a tradición da máxica Noite de San Xoán non só se mantén, senón que se vai incrementando, e incluso se estende cada vez máis á de San Pedro.
Todas as fogueiras deben cumprir os requisitos de seguridade e de limpeza establecidos no bando.











