As comisións previas ao pleno abordarán a participación do Concello de Ames na convocatoria dos premios Reina Sofía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmesLocalLocal Portada
A-
A+

O Concello de Ames celebrará o próximo venres, 21 de xuño, as comisións informativas previas ao pleno ordinario do mes de xuño. Entre outros temas, tratarase a participación do Concello de Ames na convocatoria dos Premios Reina Sofía 2013, de accesibilidade universal de municipios, a adhesión a un novo convenio coa Dirección Xeral de Tráfico e a aprobación definitiva do expediente de desafectación dunha parcela no Milladoiro para un equipamento relixioso.

O primeiro destes puntos supón a ratificación polo Pleno da solicitude que realizará o Concello de Ames para presentarse á convocatoria da concesión dos Premios Reina Sofía 2013, de accesibilidade universal de municipios, que dependen do Real Patronato sobre Discapacidade do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade. O Concello de Ames pode concorrer a estes premios na categoría de municipios entre 10.001 a 100.000 habitantes, cunha contía de 15.000 euros. Para esta convocatoria, o Concello elaborou unha memoria do conxunto de actuacións levadas a cabo en materia de accesibilidade na Casa da Cultura de Bertamiráns, na que se realizaron melloras no exterior do edificio (aparcamento, escaleiras de acceso ou portas de entrada) e no interior (con reformas no vestíbulo, escaleiras, ascensor, espazos hixiénico-sanitarios, espazos de uso público, elementos de protección contra incendios, mobiliario e sinalización). Estas obras supuxeron a total eliminación de barreiras arquitectónicas no inmoble, no que se levan a cabo un gran número de actividades e se ofrecen servizos aos cidadáns.

Ademais, as comisións do venres ditaminarán sobre a solicitude de adhesión do Concello de Ames ao convenio subscrito entre a Xefatura Provincial de Tráfico e a Federación Española de Municipios e Provincias para o intercambio de información e a mutua colaboración administrativa. En virtude deste convenio, cando os cidadáns acudan a empadroarse ao Concello os trámites, de carácter gratuíto, que se poderán solicitar nos rexistros municipais de Milladoiro e Bertamiráns serán os seguintes: o cambio de domicilio no permiso de condución e no permiso de circulación. Deste xeito, evitaranse as molestias de desprazamento ata Santiago para facer estas modificacións en Tráfico.

Este venres tamén se abordará a aprobación definitiva do expediente de desafectación dunha parcela no Milladoiro destinada a un equipamento relixioso. Con data 1 de abril de 2013, o pleno do Concello aprobou a desafectación desta parcela co obxectivo de dar cumprimento ao convenio asinado co Arcebispado de Santiago de Compostela no ano 2001. O obxectivo é cumprir coa obriga do Concello pola que a Igrexa lle entregou tres parcelas en Ortoño e Milladoiro, que o Concello vén empregando dende entón.

19 de xuño de 2013 | 18:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.