As actividades deportivas de verán para adultos volven a incluír o programa “Camiña con nós”
A oferta de actividades deportivas para adultos que a Fundación de Deportes oferta para a temporada de verán volve a incluír o programa “Camiña con nós” que se estreou o pasado ano con moi boa acollida. Ademais, haberá sesións de aerobic, bádminton, ximnasia de mantemento e ioga ao aire libre en el recintos cubertos. A participación é de balde en todas as actividades e non é preciso inscribirse.
As persoas que desexen participar en algunha da actividades deportivas de verán so terán que presentarse no lugar e á hora estipulada para participar na clase que desexen. O programa comeza o luns 1 de xullo.
O programa “Camiña con nós” desenvolverase todos os días, de luns a venres, con saída ás 9 da mañá do punto de partida situado no paseo marítimo, á altura do aparcamento da explanada TIR. A Fundación de Deportes puxo en marcha este programa co ánimo de fomentar o hábito de andar entre a poboación, especialmente a adulta, dado os beneficios que realizar esta práctica de forma habitual produce na saúde, tanto a nivel físico como psicolóxico, e tamén os efectos preventivos que ten respecto a padecer moitas afeccións.
“Camiña con nós” adáptase ao nivel dos usuarios, xa que se establecen cinco rutas diferentes cuxa duración oscila entre os 30 e os 60 minutos. O itinerario principal é o que percorre o paseo marítimo.
Ademais de camiñar, os vilagarciáns poderán practicar outras modalidades deportivas en verán. As sesións de areobic, por exemplo, desenvolveranse os martes e xoves de 11 a 12 horas no pavillón de Castelao e as de bádminton, os mesmos días e no meso lugar, pero de 10 a 11 horas. A ximnasia de mantemento realizarase na praia da Concha-Compostela, de luns a venres con sesións de 9 a 10 e de 10 a 11 horas. Por último as clases de ioga celebraranse nas instalacións do Liceo-Casino de luns a venres e en horario de 9 a 10 horas.
En calquera caso, cómpre advertir que o emprazamento das actividades pode variar, dependendo do número de asistentes, así como en caso de choiva para as actividades que se realizan ao aire libre.











