‘Arte Infantil’ na Casa do Escudo de Verín
As Aulas de Iniciación ás Artes Plásticas da Escola de Artes e Oficios presentan, baixo a denominación ‘Arte Infantil’, unha mostra de obras realizadas polo alumnado, que permanecerá aberta até o día 2 de xullo e poderase visitar de luns a sábado das 17 ás 20.30 horas.
A exposición inaugurase hoxe martes ás 20 horas na Casa do Escudo, momento no que María Corona Meixeira Romasanta, delegada municipal de Cultura e Educación, entregará diplomas aos autores e ás autoras das obras, xa que o centro dependente do Concello de Verín.
As Aulas de Iniciación ás Artes Plásticas da Escola de Artes e Oficios acollen a alumnado de idades comprendidas entre os 6 e os 16 anos. No pasado curso participaron 116 alumnos, agrupados en oito aulas segundo criterios de idade e nivel de coñecementos. Os usuarios reciben dúas horas semanais de formación en días alternos. As clases impártense en horario extraescolar, entre a segunda quincena de setembro e a primeira de xuño.
As actividades destas aulas teñen como obxectivos estimular a creatividade plástica e divulgar o patrimonio pictórico e escultórico, e a arte contemporánea entre os máis pequenos. Os conceptos artísticos que se trata de transmitir aos futuros artistas son os de liña, cor e volume.
A Escola de Artes e Oficios de Verín ten aberto xa o prazo de preinscrición para o ano lectivo 2013-2014, nas modalidades de Iniciación ás Artes Plásticas, Talla en madeira, Cerámica, Pastel, Pintura e Debuxo Artístico.











