Arredor de 400 nenos e nenas participan no VIII Torneo de fútbol 8 de San Sadurniño
San Sadurniño ten unha cita co balón nesta fin de semana. O campo municipal de Corrás acolle unha nova edición do torneo provincial de fútbol base que organiza o clube de fútbol local en colaboración co Concello. Arredor de 400 nenos e nenas están inscritos na competición.
Trátase dun torneo de fútbol 8 para prebenxamíns, benxamíns, alevíns e infantís con oito equipos por categoría ao que acoden clubes de toda a provincia. O CF. San Sadurniño leva varios anos organizando esta actividade que reune no complexo deportivo de Corrás a centos de rapaces xunto coas súas familias.
De feito, o bo tempo deste sábado fixo que a zona se ateigase entre cativos xogando, espectadores e visitantes repartidos pola piscina e a área recreativa. A Concellaría de Deportes adiantou a apertura da piscina municipal a esta fin de semana para que todos os nenos e nenas -participantes ou non na competición- poidan choupar nela entre partido e partido completamente gratis.
O Concello participa no evento dentro do convenio asinado coa entidade para a promoción do deporte de base, no que tamén se recolle a cesión de uso das instalacións.











