publicidade hoxe

Ares será escenario de “Orientares 2013”, unha iniciativa pioneira en Galicia de deporte para maiores de 55 anos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAresDeportesLocalLocal Portada
A-
A+

O Concello de Ares está detrás da que será a primeira proba do deporte de orientación en Galicia deseñada especificamente para persoas maiores, unha iniciativa que conta coa colaboración doutras institucións  (Xunta, Deputación, Deporte Galego e a Asociación Galega de Clubes de Orientación) e foi presentada esta mañá polo alcalde, Julio Iglesias, e os concelleiros Victoria Montenegro e Eugenio Fernández Lago, así como o deportista de orientador e monitor da actividade, Iván Mera. “Orientares 2013” é o nome desta iniciativa dirixida a persoas maiores promovida polas áreas de Servizos Sociais e Deportes do Concello.

A actividade, que pretende avanzar na aposta do Concello por ofrecer aos veciños e veciñas de Ares de máis de 55 anos unha actividade que fomente as súas habilidades físicas e mentais así como a súa participación social, terá lugar o venres 28 de xuño entre as cinco e as oito da tarde. Como explicou na rolda de prensa Iván Mera, a actividade, que destaca pola súa accesibilidade, consiste en que os participantes coa única axuda dun rueiro e unha brúxula completen un percorrido pasando polos puntos que se lles indique e que será as rúas do centro da vila de Ares.

Segundo Mera, el mesmo encargarase de impartir previamente unhas nocións e os mecanismos necesarios ás persoas que desexen realizar esta novedosa iniciativa para poder interpretar o mapa e, deste xeito, realizar a proba posteriormente sen ningún tipo de axuda agás a mencionada do plano e a brúxula.

As persoas interesadas en participar deberán formalizar a súa inscripción nos Servizos Sociais do Concello, no seu horario habitual de atención ao público ou chamando ao 981 468 102, ata o día 19 deste mes.

O deporte de orientación consiste na realización dun percorrido, neste caso a pé, sendo imprescindible o paso por varios puntos marcados con balizas, coa única axuda dun plano e unha brúxula.        

13 de xuño de 2013 | 18:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.