publicidade hoxe

Ares rendiu homenaxe ao equipo prebenxamín do Numancia de fútbol, ao xogador xuvenil Alejandro Pita e ao adestrador Marcos Amor

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAresLocal
A-
A+

Os nenos da categoría prebenxamín do Numancia de fútbol, xunto co xogador xuvenil Alejandro Pita e o adestrador Marcos Amor, recibiron esta mañá o recoñecemento da corporación aresá, nun acto de homenaxe que tivo lugar no salón de plenos do Consistorio. Presidido polo alcalde, Julio Iglesias, a recepción, na que estiveron presentes o grupo de goberno e parte dos concelleiros do resto de grupos, o máximo responsable da institucións local quixo destacar o traballo realizado por este equipo de pequenos, gañadores da Liga de Fútbol Local, e polo xogador e adestrador, recentemente galardoados –xunto cos prebenxamíns- na segunda edición dos Premios Volta a Ría.

“A cultura do esforzo e o sacrificio sempre dan os seus froitos”, asegurou o rexedor socialista nas palabras que dirixiou aos asistentes. Iglesias, que deu os seus parabéns a todos os xogadores e adestradores que componen o clube do Numancia, quixo tamén subliñar o traballo realizado pola directiva desta entidade de fútbol local e polos pais e nais dos rapaces, “dos que hai detrás moitas horas de dedicación”.

Ademais, o alcalde destacou o importante número de aresáns e aresás que nestes últimos anos están destacando en diferentes eidos deportivos e culturais, e asegurou que o Concello celebrará con cada un deles cada éxito que acaden.

Todos os nenos e equipo técnico do Numancia prebenxamín recibiron un agasallo do Concello e asinaron no Libro de Ouro, o mesmo que Alejandro Pita e Marcos Amor.

O acto rematou cunha pequeña merenda para os pequenos recoñecidos pola institución municipal.

22 de xuño de 2013 | 13:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.