publicidade hoxe

Andaina polo Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés organizada polos concellos de Vimianzo e Ponteceso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalPontecesoVimianzo
A-
A+

Os concellos de Vimianzo e Ponteceso deseñan unha completa fin de semana polo Parque Natural da Baixa Limia, na Serra do Xurés, en
Ourense, para os amantes da natureza e do sendeirismo. O Sábado 22 de xuño está prevista a visita a Aquis Querquennis, situado no
concello de Bande. Alí atópanse as ruínas dun campamento romano do S.I construído probablemente para vixiar a Vía Nova, unha calzada
romana de aproximadamente 320 km. que unía as cidades de Braga (Portugal) e Astorga.

Posteriormente, sen saír do concello de Bande, visitaremos unha das igrexas máis importantes de Galicia, a Igrexa Visigoda de Santa
Comba de Bande. Construída na segunda metade do s. VII e restaurada no ano 872 por orde de Afonso III. Foi declarada Monumento
Nacional no ano1921.

Ó redor do mediodía realizaremos a primeira das andainas. Un pequeno e fermoso percorrido de 1,6 km na localidade de Vilameá, chamado
A Ruta dos Muíños do Río Vilameá, onde poderemos contemplar unha ducia de muíños restaurados. Aproveitaremos para comer
á beira do río.

Despois de comer entraremos en Portugal e chegaremos a unha pequena aldea chamada Pitoes das Junias, alí teremos ocasión de
facer outra pequena andaina de 4,5 km. que nos permitirá descubrir unha espectacular fervenza duns 30 m de altura, así como e o fermoso Mosteiro cisterciense de Santa María de Junia, do s. XII. Xa de volta a Lobios, pararemos noutra pequena aldea portuguesa chamada Tourem, onde teremos ocasión de visitar o muíño comunitario que se remonta a 1868 e onde todos os veciños da aldea cocían o pan.

Para rematar a xornada, faremos a última andaina do día no concello de Lobios. A ruta da Corga da Frecha, outro pequeno roteiro de
4,5 km que parte do famoso balneario de Lobios e nos leva ó pe dunha das fervenzas máis altas de Galicia, cunha caída total de preto de
200 m. De camiño á fervenza teremos ocasión de visitar os restos arqueolóxicos dunha das primeiras mansións romanas de Ourense, a
Aquis Originis, na que poderemos distinguir os restos dun edificio con estancias dedicadas á cociña e un espazo termal con sistema de
calefacción (hipocasuto). Tamén nos atoparemos con restos da calzada romana Vía Nova.

Despois dun completo e intenso día desprazarémonos ó albergue do Corgo, no concello de Muíños, onde cearemos e pasaremos a noite.
O Domingo realizaremos a última das andainas da fin de semana, a ruta de Padrendo, unha andaina de aproximadamente 11 km, de dificultade mediaalta.

No seu percorrido teremos oportunidade de visitar as aldeas de Padrendo, Torneiros e Bubaces. Tamén teremos ocasión de desfrutar dun fermoso entorno ó pe duns muíños no regato de Costegaza. Despois dunha pronunciada subida chegaremos ó cumio, a uns 1.000 m. de altitude. Dende aí poderemos contemplar as impresionantes vistas panorámicas do Xurés e da Corga da Frecha. No lugar de Torneiro teremos ocasión de ver un conxunto de cabazos e, seguindo o roteiro, atoparemos tamén unhas antigas adegas de viño a modo de covas escavadas na montaña.

Inscricións: 50 €

Inclúe transporte, visitas guiadas e aloxamento en pensión completa* no albergue O Corgo, Muiños.
* Hai que levar a comida do Sábado e sacos de durmir.

Habitacións con liteiras.

Prazas: 52 (26 para Vimianzo e 26 para Ponteceso)

Mínimo 30 inscritos.
Data límite: mércores 19 de xuño ou ata completar prazas.
deportes@vimianzo.es / turismoponteceso@ponteceso.net

Sábado 22 de xuño

Saída de Ponteceso: 8:00 am. da Praza do Recheo

Saída de Vimianzo: 8:30 am. da Praza do Concello

Visita a Aquis Querquennis Campamento militar romano, s. I
Visita á Igrexa Visigoda de Santa Comba de Bande, s. VII
Andaina do Río Vilameá (Lobios, Ourense – 1,6 km)
Visita a Pitoes das Júnias (Geres, Portugal 4,5 km): andaina Fervenza – Mosteiro
Visita a Tourem (Geres, Portugal): forno comunitario
Andaina da Corga da Frecha (Lobios, Ourense 4,6 km): unha das fervenzas máis altas de Galicia cunha caída aproximada de 200 m

Domingo 23 de xuño

Andaina de Padrendo (Lobios 10,9 km)
Volta a casa. Chegada prevista sobre as 20:00 h.

14 de xuño de 2013 | 13:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.