Andaina para dar a coñecer a aldea Alfacuca en Louredo
As concellerías de Formación e Emprego e Participación Cidadá do Concello de Mos que dirixen os edís Óscar Soto e Kely Monzón, respectivamente, organizan unha andaina á aldea de Alfacuca en Louredo que se celebrará o vindeiro domingo, día 16 de xuño, con saída ás 10.00 horas da mañá.
A andaina terá unha duración de hora e media e ás 13.00 horas os camiñantes poderán participar dunha exposición e dunha charla coloquio en Alfacuca. Os obxectivos, tanto da andaina coma da exposición e charla posteriores, son dar a coñecer os traballos realizados na aldea durante o último Obradoiro de Emprego Alfacuca III, así como a historia da aldea Alfacuca e as súas opcións de futuro a partir de agora.
A camiñata sairá dende o inicio do Sendeiro Ecolóxico do Río Louro, onde se atopa a empresa Plásticos Barcia, e rematará na propia aldea onde, como se dixo, estará instalada unha exposición con traballos e fotos dos tres Obradoiros de Emprego Alfacuca; e intervirán a directora do Obradoiro, Paloma Lomba Cid, e o historiador e etnógrafo mosense, Javier Baquero, falando sobre a historia deste Obradoiro de Emprego e da aldea de Alfacuca, respectivamente.
Nesta actividade non se require inscrición previa, senón que tan só é necesario presentarse o día sinalado á hora de saída no comezo do Sendeiro do Louro; que servirá de punto de encontro para tódolos participantes.
Preténdese con esta iniciativa difundir a existencia do fermoso enclave de Alfacuca, e que veciños de Mos e foráneos coñezan como chegar e onde está. Tras a andaina do vindeiro domingo, a mostra que estará instalada na aldea trastadarase ó CDL, Centro de Desenvolvemento Local, onde se poderá visitar con carácter permanente.











