Ana Fernández anuncia que Fito & Fitipaldis ofrecerá o 24 de xullo un concerto exclusivo no Coliseum
A tenente de alcalde de Cultura, Ana Fernández, acompañada polo director do Coliseum, Javier Rodríguez, e o promotor do concerto, Ramón Barros, presentou esta mañá o concerto que Fito & Fitipaldis ofrecerá na cidade o próximo 24 de xullo dentro da súa Xira de teatros e auditorios 2013 e despois do éxito do seu último traballo, Antes de que conte ata dez, que arrasou durante ano e medio, con 73 concertos en pavillóns abarrotados e unha asistencia global de máis de medio millón de persoas.
“Fito & Fitipaldis sempre ten contado cunha extraordinaria aceptación na cidade e nesta ocasión os seus seguidores van poder gozar dun formato totalmente inhabitual nas súas dúas últimas xiras. Un evento único en aforamentos reducidos que permitirá coñecer o lado máis íntimo do grupo”, destacou a concelleira e engadiu: “Fito volve a un recinto talismán na súa traxectoria onde congregou, en diferentes momentos da súa carreira musical, ao seu público máis fiel dende o primeiro concerto Lo máis lonxe, ao teu lado, en febreiro de 2004, onde xa esgotou as entradas dispoñibles, ata o seu último concerto gran formato Antes de que conte dez no que unha vez máis colgou o cartel de non hai billetes”
A xira arrancou o pasado 21 de setembro en Oviedo e colgou o cartel de ‘non hai entradas’ en practicamente todas as citas do tour. “Con este concerto de Fito & Fitipaldis, o Coliseum completará o póker de artistas nacionais xunto a Melendi, Pablo Alborán e Alejandro Sanz que esperamos congreguen a preto de 30.000 persoas e confirmen ao recinto como un referente musical”, destacou.
O concerto será o próximo mércores 24 de xullo, previo á festividade do Santiago Apóstolo, ás 22.00 horas. “Adaptarase o Coliseum polas necesidades do concerto de son acústico cun formato de aforamento reducido para o que se poñerán á venda 3.500 entradas. Todas as localidades, con prezos que oscilarán entre os 42 e os 50 euros, serán de asento e numeradas,” explicaron a concelleira quen informou de que as entradas se poñerán á venda mañá a partir das 09.00 horas a través de internet en www.servinova.com.
“Este concerto supón unha das apostas musicais para o Coliseum dun verán no que tamén serán protagonistas o deporte profesional ou os espectáculos para o público familiar”, concluíu.











