Amorín espera contar esta fin de semana con máis de 400 atletas na quinta carreira solidaria a prol de Níxer

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesLocalTomiño
A-
A+
Presentación da carreira solidaria

Presentación da carreira solidaria

Tras o éxito conseguido na anterior edición, na que participaron máis de 400 corredores, o vindeiro domingo, 16 de xuño, terá lugar en Tomiño, a V Carreira Popular de Amorín, a prol de Unicef.

A carreira, organizada pola Asociación de Veciños de Amorín, o Concello de Tomiño e o Club Atletismo Porriño, foi presentada polos organizadores, hoxe na Casa do Concello. Acompañaron á alcaldesa de Tomiño, Sandra González, a concelleira de Deportes, Cristina Martínez, o presidente da Asociación Veciñal de Amorín, José Quinteiro, o secretario do Club Atletismo Porriño, Carlos Álvarez Ávila e dúas representantes de Unicef Vigo, Marisé Pérez e Mª Jesús Muñoz.

Abriu a quenda de intervencións a alcaldesa de Tomiño, para agradecer a todas as entidades implicadas na organización, colaboradores e voluntarios, salientando o carácter solidario da carreira, que permitirá cooperar nos proxectos levados a cabo en Níxer a través de Unicef (Pingas para Níxer).

José Quinteiro, da A.V. Amorín, pola súa banda, amosouse moi agradecido tamén ao Concello, Unicef e club de atletismo porriñés, pola súa axuda incondicional na organización dun evento que chega á súa quinta edición e que foi quen de reunir o pasado ano, máis de 400 atletas.

Carlos Álvarez, do Club Atletismo Porriño, lembrou as orixes da carreira solidaria, salientando a implicación e interese da asociación veciñal de Amorín, non so neste proxecto, senón tamén na traxectoria do club porriñés, co que colaboraron moitos tomiñeses.

Marisé Pérez, por último, salientou a organización “impecable” da carreira de Amorín, “que para Unicef é unha garantía de que as cousas se fan ben e a prol dos nenos e nenas máis necesitados”.

Datos da carreira

A carreira sairá da igrexa parroquial de Amorín, o vindeiro domingo 16 de xuño, ás 11 da mañá, tendo lugar a entrega de dorsais desde unha hora antes.

O prezo é de tan so 3 euros para a categoría absoluta, e de 0.50 euros para o resto de categorías. Ademais, quen o desexe, pode facer donativos.

A inscrición pode formalizarse por correo electrónico: avdamorin@gmail.com, ou na páxina web da asociación (www.damorin.es). Contacto: avdamorin@gmail.com ou www.damorin.es

Saneamento e hixiene infantil

Esta carreira solidaria enmárcase dentro de Pingas para Níxer, unha campaña educativa de Unicef-España a prol da supervivencia infantil nese país africano.

Desde 2008 UNICEF promove a mobilización popular en torno ao problema da auga potable e hixiene. Marisé Pérez, comentou no transcurso da presentación de hoxe, que nos últimos anos, grazas á labor desenvolta en Níxer, logrouse reducir nun 80% as mortes ocasionadas por enfermidades relacionadas coa falta de hixiene e auga potable.

11 de xuño de 2013 | 18:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.