Alumnos de primaria do colexio Cordo Boullosa trasladan as súas aulas ao centro de Ponte Caldelas para ampliar os seus coñecementos do medio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaPonte Caldelas
A-
A+
Visita dos escolares ao mercado

Visita dos escolares ao mercado

Alumnos de 1º e 2º de Primaria do Colexio Cordo Boullosa converteron as rúas e establecementos públicos do centro da vila de Ponte Caldelas en aula improvisada para ampliar os seus coñecementos do medio. Aproximadamente, uns 50 escolares, acompañados por un nutrido grupo de profesores, visitaron a Casa do concello, o Centro Cultural, varias rúas da vila e fixeron unha parada na Praza de Abastos Municipais onde tiveron a ocasión de ver os produtos frescos e de primeira calidade que alí se venden, con especial atención aos magníficos peixes existentes nas bancadas centrais.

Os nenos e nenas, en perfecto orde e custodiados polos seus mestres, foron coñecendo de primeira man os edificios públicos existentes na localidade así como varias pasaxes da historia da vila como a conversión do antigo cárcere de Ponte Caldelas en Centro Cultural, feito que levantou grande interese e reclamou a atención dos escolares.

A través da pasarela peonil de madeira, sobre o río Verdugo, os escolares recompilaron diversas follas de árbores para coñecer as súas diferenzas morfolóxicas e aplicación en medicina tradicional e entretivéronse no descubrimento das abundantes troitas que poboan este afluente.

Os escolares remataron a xornada de convivencia pedagóxica cunha estanza na Área Recreativa da praia fluvial da Calzada onde tiveron a ocasión de xogar e seguir aprendendo coñecementos relacionados coa localidade e o seu ámbito natural.

Esta actividade ao aire libre pon practicamente punto e final ao periplo formativo dos alumnos no período académico que remata antes de iniciarse as vacacións estivais.

18 de xuño de 2013 | 16:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.