Allariz celebra a noite branca do comercio
A Asociación de Comerciantes e Hostaleiros de Allariz organiza, en colaboración co Concello de Allariz, a NOITE BRANCA do comercio.
O obxectivo desta nova iniciativa pasa pola oferta dun maior servizo tanto aos clientes do comercio e hostalería como a usuarios dos servizos municipais. Así, a concelleira de Promoción Económica, Turismo e Comercio de Allariz, Cristina Cid, explicaba que “ademais da extensión do horario de apertura do comercio, realizaranse actividades dinamizadoras e complementarias ao comercio”
Máis dunha trintena de comercios de roupa, zapatos, libros, pastelería, decoración ou complementos, entre outros, abrirán as súas portas ata as 00:00h. Estarán identificadas con flores brancas e os comerciantes irán vestidos da mesma cor.
Os hostaleiros tamén participan na iniciativa ofrecendo menús e tapas especiais ademais duns pinchos “brancos” gratuítos para todos aqueles que se acheguen ata Allariz.
Haberá música na rúa para animar a estadía dos visitantes. A Batucada de Allariz percorrerá as rúas nas que están ubicados os comercios abertos.
Os museos (Museo do Coiro, o Muíño do Burato e o Museo do Xoguete) así como o Festival de Xardíns súmanse a iniciativa. Abertos ata ás 00:00h acollerán, ademais, sendas actividades.
Os máis cativos tamén teñen o seu lugar nesta Noite Branca, na que se celebrará, a partir das 22:00h, unha verbena infantil. Recrearase unha antiga verbena de pobo na Praza Maior.
Os representantes da Asociación de Comercio e Hostelería de Allariz adiantaron máis novidades e sorpresas que non quixeron desvelar ata o propio día 28.











