AFAL formula a concellos da súa área de influencia organizar talleres de estimulación cognitiva para enfermos de Alzheimer e outras demencias
A presidenta de AFAL Ferrolterra, Milagres Prieto Gondell, anunciou esta semana a posta en marcha dun novo programa dirixido a concellos da área de influencia da asociación: a organización de Talleres de Estimulación Cognitiva para enfermos de Alzheimer e outras demencias nos seus municipios de residencia. Os seus obxectivos son mellorar a calidade de vida das persoas ás que se lles diagnosticou a doenza mediante a súa participación nas sesións; facilitar a súa asistencia ofrecéndolles os talleres no seu ámbito xeográfico e evitando así o esforzo que supón o seu traslado á cidade de Ferrol e, por último, favorecer o respiro familiar dos seus coidadores principais. En definitiva, trataríase de descentralizar unha parte das terapias que AFAL presta nos seus centros de día da rúa Río Castro e da antiga Casa do Mar. Instalacións que, por outra parte e a día de hoxe, teñen todas as súas prazas cubertas.
En todo caso, o papel dos concellos será fundamental para levar a cabo este programa de mellora da atención das persoas enfermas de Alzheimer. Por iso, a presidenta de AFAL Ferrolterra iniciou unha rolda de reunións cos responsables municipais para buscar o seu respaldo coa cesión dun local municipal no que desenvolver os talleres. Alí celebraríanse as sesións, nas que participarían grupos de entre oito e dez enfermos. Como se mencionou, os destinatarios serían persoas cun diagnóstico de Alzheimer ou calquera outra demencia en grao leve-moderado. As sesións terían unha periodicidade semanal, sobre a base da experiencia da intervención diaria que se leva a cabo nos Centro de Día Terapéuticos xestionados por AFAL Ferrolterra e impartiríanse en dúas modalidades, cunha duración de dúas horas diarias: tres días á semana (luns, mércores e venres) e dous días á semana (martes e xoves). O obxectivo non é outro que achegar a intervención ao maior número de familias posible. Unha iniciativa que AFAL Ferrolterra confía en estender aos concellos do seu ámbito de acción de cara a mellorar a calidade de vida de enfermos e familias.











