Acordo entre o concello e os comerciantes da rúa Curros Enríquez
O alcalde do Carballiño expuxo aos comerciantes da rúa Curros Enríquez o proxecto de mellora e embelecemento desta rúa carballiñesa, chegando finalmente a un acordo cos asistentes de realizar o citado proxecto, creando unha zona mixta que permita o tráfico rodado a determinadas horas, quedando o resto como un bulevar comercial. Desta forma conxúganse as ideas do concello e os intereses dos comerciantes, e próbase de forma paulatina a posible peatonalización total do devandito tramo.
Os acordos aos que chegaron na reunión mantida no salón de plenos foi a de, en primeiro lugar, permitir o tráfico de vehículos dende a apertura do comercio ata o peche deste, aproximadamente dende as 8:00 ás 20:00 horas, de luns a venres, quedando o resto de horas zona peonil, ao igual que os fins de semana e festivos.
Tamén se acordou, co beneplácito dos comerciantes presentes, o control de velocidade, non podendo superarse nesa zona os 20 quilómetros por hora, facendo compatible a convivencia de peóns e vehículos. Outro dos acordos, a petición expresa dos comerciantes, foi o de crear zonas de aparcadoiro controlado e gratuíto, cunha permanencia máxima de media hora, co que se favorece o tránsito dos potenciais clientes dos distintos negocios desa céntrica rúa carballiñesa.
Estes acordos serán expostos tamén aos veciños de Curros Enríquez, na reunión, que manterá o alcalde con eles este martes 11 de xuño a partir das 20:00 horas.
O proxecto contempla a empedrada de toda a rúa, así como o embelecemento con mobiliario urbano.











