Abren as piscinas municipais descubertas de Luou e Os Tilos que funcionarán ata mediados de setembro
A pesares do tempo e das que as previsións meteorolóxicas poñan en dúbida que esteamos no mes de xuño as piscinas descubertas do Concello, en Luou e nos Tilos abrirán a tempada de verán dende mañá 20 de xuño. Está previsto que funcionen ata o 15 de setembro. O horario será nos Tilos de luns a domingo de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas. En Luou abrirá durante a semana, de luns a venres de 16:00 a 21:00 horas e os sábados e domingos de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas.
A tramitación dos abonos xa se pode realizar na recepción da piscina municipal cuberta. De feito as persoas que teñan abono nesa instalación poden acudir tamén ás descubertas sen custo engadido. No caso de querer asistir só ás descubertas o abono individual é de 17 euros e o familiar é de 27 euros. A entrada libre custa 2,5 euros. Estarán exentos de pagamento para as instalacións de Luou e Os Tilos as familias que presenten a tarxeta do paro de todos os seus membros; os maiores de 65 anos (a 1 de xuño da tempada) presentando o DNI ou os menores de 5 anos (a 1 de xuño da tempada) amosando o libro de familia.
As piscinas descubertas teñen unha oferta de cursos de natación da que informan nas propias instalacións. Durante os meses de xullo e agosto funcionará tamén o servizo de bibliopiscina en horario de 17:00 a 20:30 horas en días laborables. Haberá servizo de préstamos de libros, prensa diaria, xogoteca…











