publicidade hoxe

Aberto o prazo para inscribirse no programa de Actividades Infantís do Verán en Piñor

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalPiñor
A-
A+

05062013-3O Concello de Piñor informa de que xa está aberto  prazo para as inscricións no Programa de Actividades Infantís do Verán. Por 7º ano consecutivo, este concello ofrece unha programación diaria lúdico-educativa para rapaces e rapazas dende os 6 anos de idade, durante os meses de xullo e agosto. A finalidade é enriquecer o tempo de lecer dos cativos no rural, pero tamén ser unha axuda para a conciliación da vida familiar e laboral dos pais e nais, algo moi importante na sociedade actual.

As actividades terán lugar de luns a venres, en horario de 11:00h a 13:00h, agás os martes, nos que se farán dous grupos de Reforzo Escolar, para o cal o horario establecerase de 11:00h a 14:00h.

No que se refire á tipoloxía de actividades a desenvolver, serán de diversa índole: manualidades, talleres variados, xogos populares…. destacando sobre todo o Reforzo Escolar (para previr os atrasos escolares), a VI Escola de Teatro do Verán (creación dun grupo de teatro para ensaiar durante todo o verán e representar unha obra concreta na festa de despedida do programa, a finais do mes de agosto) e a creación da 2ª Edición do Xornal de Verán “Piñor Times”(elaborado por tódolos participantes, que sairá publicado no mes de setembro). Esta última actividade foi totalmente innovadora no ano 2012, obtendo gran interese por parte dos cativos, das familias e incluso dos medios de comunicación, sorprendidos pola capacidade creativa dos participantes. É unha iniciativa moi chamativa, e importante para os nenos e nenas, que xorde cos seguintes obxectivos:

1) Facer un xornal no que non falten as características principais do mesmo,  que reflexe e sexa crónica da vida máis próxima ós cativos, do seu pobo e que se elabore da forma máis similar a un xornal real.

2) Seguir un proceso de traballo que axude ós cativos  a descubrir e profundizar a técnica de facer un xornal, fortalecendo ó mesmo tempo contidos como: técnicas de expresión escrita, dominio da linguaxe –galego e castelán-, etc.

3) Utilizar os contidos do xornal e o seu proceso de elaboración para traballar contidos de índole social e educativo: igualdade de xénero, loita contra a violencia de xénero, respecto a outras culturas e razas, educación cívica…

Este ano, como innovación, o programa será inaugurado mediante unha actividade denominada SUPERVERÁN, que ocupará as dúas primeiras semanas do mes de xullo e que estará chea de xogos, xincanas, deportes….para recibir o verán como se merece.

Para poder participar nesta programación deberá formalizarse a inscrición no Departamento de Servizos Sociais, onde se facilitará máis información sobre horarios e locales nos que se desenvolverán as actividades, así como o procedemento a seguir para a inscrición. O prazo para inscricións remata o 26 de xuño.

 

5 de xuño de 2013 | 17:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.