publicidade hoxe

Abegondo descobre en Polonia novas estratexias para a reciclaxe do lixo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAbegondoLocalLocal Portada
A-
A+

O Concello de Abegondo coordina, dende este ano ata 2015, o proxecto Ecowas, que ten como obxectivo primordial a mellora do tratamento do lixo. Trátase dunha iniciativa financiada pola Unión Europa e incluída no seu programa “Europe for citizens”. Lévase a cabo entre Abegondo e 5 municipios europeos: Lublin e Sosnowiec (Polonia), Mölndal (Suecia), Traversetolo (Italia) e Hasselt (Bélxica).

O proxecto botou a andar o pasado febreiro, cun encontro en Abegondo. Agora chegou a quenda ao municipio de Lublin, que reúne dende onte e ata mañá a representantes dos 6 concellos, que suman en total máis de 700.000 habitantes. Dende Abegondo desprazouse o alcalde, José Antonio Santiso, e un enxeñeiro municipal.

A finalidade desta actividade en Polonia foi dobre: por un lado presentar estratexias innovadoras para o tratamento de residuos que poidan ser empregadas nos municipios de orixe, e por outro celebrar un seminario para continuar o estudo e desenvolvemento de novas estratexias que melloren a reciclaxe e se poida incrementar a motivación do cidadán á hora de realizalo.

Entre as visitas efectuadas, as delegacións coñeceron unha planta privada de tratamento do lixo e unha cementeira. A particularidade desta última residía en que emprega o lixo como combustible, unha reutilización idónea para os residuos. O proceso comeza na planta de clasificación, onde se selecciona o combustible para queimar na cementeira.

Santiso apunta que os 6 municipios se uniron neste proxecto porque presentan un “interese común” en impulsar o aproveitamento do lixo. “Temos o reto de revalorizar as toneladas de residuos que se xeran e poder reutilizalas noutros ámbitos evitando os vertedoiros”, afirma.

As realidades dos 6 concellos son ben diferentes. Os polacos de Lublin e Sosnowiec, dúas importantes cidades, expresaron a necesidade que hai en Polonia de apostar pola reciclaxe, cuestión que ata agora non seguiron. Mentres, no polo contrario encóntranse os suecos de Mölndal, e os belgas de Hasselt, cunha taxa de rexeitamentos de cero.

O Concello de Abegondo aposta polo coñecemento doutras realidades e o intercambio de experiencias como camiño para impulsar medidas locais que cambien a tendencia actual de xerar unha elevada cantidade de rexeitamentos.

13 de xuño de 2013 | 19:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.