A XXIV festa do deporte de Vilagarcía clausúrase mañá coa elección do mellor deportista do ano
A XXIV edición da Festa do Deporte Local vive mañá o seu día grande cunha xornada na que numerosas disciplinas deportivas inundarán as rúas peonís do centro da cidade e na que a Fundación Municipal dará a coñecer o nome do Mellor Deportista do Ano na Gala de clausura que se celebrará a partir das 21:00 horas na Praza de Galicia.
As rúas do centro da cidade serán o escenario de todas as actividades deportivas que se desenvolverán ao longo de toda a xornada do sábado 15 de xuño no marco da Festa do Deporte. Dende as 10:30 horas e ata as 14.00 horas, distintas disciplinas deportivas tomarán a Rúa Castelao e a Praza de Galicia, nas que a Fundación, coa colaboración dos diferentes clubs do municipio organiza partidos de baloncesto e fútbol, encontros de esgrima, combates de judo e taekwondo e exhibicións de capoeira e kempo.
Centos de nenos e nenas e deportistas do municipio tomarán parte nestas actividades de exhibición, que poderán repoñer forzas e hidratarse correctamente coas bebidas e produtos alimenticios que facilitarán as empresas patrocinadoras que colaboran coa Fundaciónd e Deportes na organización da festa, como Larsa, Gadis ou Coca Cola.
A partir das 16:30 e ata as 21:00 horas, nestes mesmos escenarios realizaranse partidas de xadrez, tenis de mesa, rugby, tiro con arco, trial e ciclismo e, na Rúa Covadonga instalarse unha pista de radiocontrol.
A XXIV Festa do Deporte rematará por todo o alto coa Gala do deporte Local, un evento que se realizará na Praza de Galicia a partir das 21:00 horas. Na gala entregaranse os premios aos finalistas ao Mellor Deportista Local do Ano e as mencións especiais aos clubs, entidades, empresas e persoas que teñan destacado pola súa labor en pro do deporte. O xornalista de Deportes da TVG, Terio Carrera, actuará como presentador da gala que rematará coa entrega do premio ao Mellor deportista do Ano.
Finalistas e mencións
Os cinco finalistas do premio ao Mellor Deportista do Ano son Francisco Padín (taekwondo), Verónica Miguéns Devesa (motociclismo – trial), o equipo cadete do Club Xadrez Fontecarmoa (Xadrez), Ricardo González González (actividades subacuáticas) e Luz María López Buceta (remo).
As mencións especiais que entregará este ano a Fundación de Deporte serán no apartado de Clubs para a A.D. Cortegada e Os Ingleses; na categoría de personalidades entregarase a mención especial a título póstumo a Santiago9 Iglesias Rey. No apartado de empresas recoñecerase a labor de Frinsa e no dos medios de comunicación do fotógrafo José Luiz Oubiña. A mención no apartado de árbitros / adestradores corresponde este ano a Miguel Cuevas Feijoo e o Club Natación Vilagarcía recibirá o galardón na modalidade de comités organizadores pola súa Travesía a Nado.











