A XXI Romaría Interxeracional de Lalín celebrarase o sábado 6 de xullo na Carballeira das Casianas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLalínLocal
A-
A+

A XXI Romaría Interxeracional de homenaxe ás persoas maiores e emigrantes do Concello de Lalín, coñecida tradicionalmente como a Romaría de Barcia, será este ano nun escenario distinto, na Carballeira das Casianas (Polígono Lalín 2000), o sábado, 6 de xullo. Así o anunciou a concelleira de Benestar e Emigración, Paz Pérez, nunha comparecencia pública na que explicou que se elixiu este enclave pola súa proximidade ao núcleo urbano e pola súa accesibilidade.

Pérez indicou que “este encontro interxeracional presenta máis cambios, xa que será unha tarde de convivencia, e polo tanto comezaranse os actos despois da sobremesa, ao redor das 16.00 horas”. “Será en vez dun xantar, unha merenda, con chocolate, café con leite e doces”, precisou. O cambio de formato foi adoptado por unha decisión tomada no grupo de goberno, atendendo á “báscula de prioridades, para que a Romaría non supuxera gasto e se puderan manter outras partidas que se consideran imprescindibles continuar nestes momentos, tales como pro exemplo, as axudas de emerxencia”, aclarou.

A partir das 16.00 está previsto que comece a chegar a xente. Haberá música da Banda de Música, probablemente a de Prado; a cargo do Coro da Alegría da Nosa Señora das Dores e do grupo de gaitas “Os Xuncos”. A chocolatada dará comezo sobre as 17.00 horas e a partir das 17.30, nun acto conducido polo humorista Xacobo Pérez Paz -que xa participou noutras ocasións-, renderáselle homenaxe, como vén sendo tradicional, á muller e ao home de máis idade do Concello de Lalín; á muller e ao home de máis anos na emigración do Concello de Lalín e ao matrimonio con máis anos de casado presentes na Romaría.

Ademais, adiantou a responsable municipal, farase un recoñecemento a unha persoal especial para o Concello de Lalín, que se volcou moito coa Concellería de Benestar e Emigración, ao longo dos últimos meses.

Paz Pérez fixo fincapé en que “nesta edición a Romaría ten carácter gratuíto, e ademais non se fai diferenciación entre a xente do Concello e a doutros sitios”. “O que si pedimos -remarcou- é que as persoas interesadas en asistir se inscriban no departamento de servizos sociais porque nos facilitará moito o traballo á hora de facer as nosas previsións”.

DOAZÓN VOLUNTARIA

A concelleira expuxo que “a modo voluntario, facemos unha chamada á colaboración para que aquelas persoas que o estimen oportuno podan achegar algún produto non perecedeiro e depositalo nun contedor que estará á pé da Romaría”. Concretou que sempre que os asistentes o consideren axeitado, sen que iso sexa condición para entrar á Carballeira.

Nesta edición non haberá tampouco envíos postais e pedirase a colaboración dos pedáneos para á totalidade das parroquias do Concello na difusión deste encontro de convivencia dos maiores, que está aberto á participación tamén de “fillos e de netos”.

Así mesmo, afirmou Paz Pérez, brindámoslles as asociacións do Concello participar na Romaría coa venda de produtos e indicou neste sentido que “estamos pendentes do que nos diga Morea e O Mencer”.

Por último, a concelleira delegada resaltou a importancia de que as persoas que desexen participar na Romaría do 6 de xullo retiren canto antes a súa tarxeta (ata o 3 de xullo) por “un dobre obxectivo: permitiranos ter a previsión de participantes e ademais saber as idade e outras características dos participantes”.

20 de xuño de 2013 | 19:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.