A Xunta seguirá a colaborar no desenvolvemento do polígono da Pasaxe, en Gondomar

Reunión co alcalde de Gondomar
O Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, amosou a disposición da Xunta de Galicia a seguir colaborando no desenvolvemento do parque empresarial de A Pasaxe, en Gondomar. Hernández fixo estas declaracións nunha xuntanza mantida co alcalde de dita localidade e representantes dos empresarios e comuneiros comprometidos co proxecto.
Na reunión, celebrada na tarde de onte e á que asistiu tamén a directora xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Teresa Gutiérrez, o responsable de Medio Ambiente do Goberno galego comprometeuse a que o IGVS modificará o proxecto sectorial do parque empresarial, co obxectivo de dividir o desenvolvemento da actuación en catro fases, modificación na que xa se está a traballar. Ademais, o IGVS comunicará aos empresarios e comuneiros unha valoración estimativa do custe total da urbanización, unha vez realizadas as análises necesarias.
Finalmente, Agustín Hernández asegurou que fará todo o posible para buscar a financiación complementaria, unha vez que os empresarios e comuneiros acrediten de forma clara os proxectos empresariais e os seus custes.
A Xunta considera que a mellor opción é que sexan os propios empresarios os que se encarguen do desenvolvemento do parque, xa que a Administración autonómica non se quedaría con parcelas urbanizadas para a venda.
Pola súa parte, os empresarios comprometéronse a presentar unha proposta de uso das parcelas con proxectos industriais concretos e estimación de empregos que xustifiquen levar a cabo a urbanización de A Ran.











