A Xunta Local de Seguridade prepara a tempada de verán coordinando dispositivos conxuntos para praias e citas de lecer

Reunión da Xunta de Seguridade Local
A Xunta Local de Seguridade vén de manter na Casa do Concello de Carballo unha reunión ordinaria -copresidida polo Subdelegado do Goberno, Jorge Atán Castro, e o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero- na que un dos principais asuntos abordados foi a coordinación de dispositivos conxuntos para garantir a seguridade nas praias do municipio de cara á tempada de verán, así como nos diferentes festexos e citas lúdicas e de lecer que está previsto celebrar nas próximas semanas. Así mesmo, durante a xuntanza examináronse os índices de seguridade cidadá rexistrados nos últimos meses, que experimentan unha tendencia positiva respecto do mesmo período de 2012. A orde do día tamén incluíu a delimitación das vías sobre o control e vixilancia en materia sancionadora e instrución de atestados, así como un protocolo de actuación sobre vítimas de violencia de xénero. Ademais do Alcalde e o Subdelegado do Goberno, estiveron presentes na xuntanza a Vicesecretaria Xeral da Delegación do Goberno, Eva Vázquez, o Coronel da Comandancia da Garda Civil da Coruña, Benedicto González, o Xefe da Policía Local, Constantino Vázquez, o responsable de Protección Civil de Carballo, Javier Souto Facal, a Tenente de Alcalde, Milagros Lantes, o Concelleiro de Seguridade, Xosé Regueira, e o Concelleiro do PP, José Lado.











