A Xunta de Goberno de Ourense aproba o proxecto de modificación orzamentaria para a construción do Centro de Coñecemento de La Molinera

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOurense
A-
A+

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou en xuntanza celebrada esta mañá o proxecto de modificación orzamentaria que permitirá rematar as obras de construción do Centro de Coñecemento 2012, no antigo edificio de La Molinera e adquirir un solar na Praza da Trinidade. O proxecto de modificación orzamentaria será presentado a aprobación inicial por parte do Pleno do Concello (previo ditame da Comisión de Pleno) na súa próxima sesión, a ordinaria do mes de xullo que terá lugar o venres, 5. O goberno municipal tamén prevé presentar a aprobación neste Pleno a modificación dos orzamentos do Consello Municipal de Deportes para outorgar as axudas previstas na convocatoria de subvencións a clubes deportivos ourensáns da tempada actual 2012/2013.

No caso do remate das obras de La Molinera e da compra do solar na Praza da Trinidade, a modificación orzamentaria incrementará os créditos de dúas partidas xa existentes no orzamento. A de Inversións en Centro de Coñecemento 2012 (170.000 euros) auméntase en 149.566,81 euros, ata acadar unha cifra de 320.000, importe do proxecto necesario para rematar as obras, mentres que a de Adquisición de edificios Urbanismo se aumenta en 113.447,90 euros para a adquisición deste solar.

O proxecto de La Molinera inclúe todolos traballos necesarios para a entrada en servizo deste novo equipamento, sito no contorno do Ben de Interese Cultural das Burgas, que ten como finalidade potenciar o desenvolvemento desta zona e dotar á cidade dun equipamento destinado a potenciar o uso e desfrute dos beneficios das Tecnoloxías da Información e a Comunicación. Achegará aos cidadáns un conxunto de espazos orientados á produción, investigación e difusión da cultura dixital e do ámbito de confluencia entre arte, ciencia, tecnoloxía e sociedade.

O Centro de Coñecemento, que se constrúe co apoio do Plan Avanza do Ministerio de Industria, contará con servizos como sala de ordenadores de uso social con 36 postos, obradoiros de Impresión 3D, Audio, Electrónica, Vídeo, Área de Co-working, auditorio e laboratorio de Emisión Audiovisual a través de Internet (“streaming”).

Baixas de créditos

O total de créditos que se incrementan (263.014,71 euros) obtense de baixas polo mesmo importe nas partidas de Edificio para Concellería de Economía (149.566,81 euros), Actuacións de planeamento e desenvolvemento (28.198,94), Actuacións en vías públicas (2.248,96), Patrimonio municipal de solo (63.000) e Consititución de empresa municipal de vivenda (20.000).

Exposición pública

O expediente de modificación de créditos, unha vez aprobado inicialmente polo Pleno do Concello, será exposto ao público por prazo de 15 días hábiles, logo do anuncio no Boletín Oficial da Provincia e no taboleiro de anuncios do Concello, durante os cales os interesados poderán examinalo e presentar as reclamacións que estimen oportunas. O expediente de modificación de créditos considerarase definitivamente aprobado se durante ese período non se presentaran reclamacións.

Orzamentos do Consello Municipal de Deportes

O goberno municipal tamén presentará ante a Comisión de Pleno para ditame e posterior aprobación inicial por parte do Pleno do Concello do venres, 5 de xullo, unha modificación dos orzamentos do  Consello Municipal de Deportes que permita dotar o crédito necesario para abonar as subvencións a equipos deportivos ourensáns en réxime competitivo e actividades deportivas convocadas polo Consello Municipal de Deportes para a presente tempada 2012/2013.

A modificación dos orzamentos do Consello Municipal de Deportes ten un importe de 550.000 euros e consiste en incrementar o importe de dúas partidas: as destinadas a subvencións a equipos deportivos da cidade por concurrencia competitiva, e actividades deportivas, utilizando o remanente de tesorería positivo.

O importe das axudas aos equipos deportivos ourensáns por concurrencia competitiva, sumando a partida existente máis a resultante desta modificación orzamentaria, ascenderá a un total de 750.000 euros para a actual temporada 2012/2013.

26 de xuño de 2013 | 16:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.