A Xunta adxudica en 700.590 € o saneamento integral do núcleo da Reigosa en Ponte Caldelas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalPonte Caldelas
A-
A+
Sinatura do convenio

Sinatura do convenio

A Xunta de Galicia acaba de adxudicar en 700.590 € as obras da rede de saneamento e construción da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) da Reigosa (Ponte Caldelas), que saíse a licitación por un importe total de 801.015 €. A empresa adxudicataria, das 39 que se presentaron ao concurso público, conta agora cun prazo máximo de 18 meses para a execución dos traballos. As obras iniciaranse este verán, e o Alcalde espera que se finalicen durante o verán de 2014.

Coa contratación destas obras concrétase un dos compromisos electorais adquiridos polo Alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, cos veciños da zona e dá tamén cumprimento ao acordo alcanzado entre o rexedor e o propio Conselleiro de Medio, Territorio e Infraestruturas (MATI), Agustín Hernández nunha reunión mantida en Santiago para abordar diversos temas de interese para o municipio.

O proxecto a executar considera a instalación de colectores para a rede de saneamento no núcleo da Reigosa así como a construción dunha EDAR para dar servizo aos habitantes deste lugar. As obras consisten na construción dunha rede de colectores que terá unha lonxitude lineal total de 5.800 metros e recollerá as augas residuais fecais por gravidade. Ademais, instalaranse un total de 171 pozos de rexistro.

UNHA DEPURADORA PARA UNHA POBOACIÓN ESTIMADA DE 314 HABITANTES QUE PON FIN AOS POZOS NEGROS E FOCOS CONTAMINANTES

Os traballos agora adxudicados prevén a instalación dunha depuradora, que se dimensionar para unha poboación de 314 habitantes, e que dispoñerá de equipamentos prefabricados tales como arqueta de chegada de auga con reixa de desbaste, decantador, dixestor primario, pozo de bombeo, leito bacteriano, brañas en paralelo e arqueta de inspección.

Segundo Perfecto Rodríguez, “esta obra axudará a mellorar a calidade de vida dos veciños do núcleo da Reigosa dotándoos dun servizo de saneamento axeitado. Cando entre en funcionamento permitirá a eliminación de foxas sépticas que son importantes focos contaminantes, polo que se optimizará considerablemente a calidade ambiental da zona,”.

AS ELECCIÓNS AUTONÓMICAS E A APROBACIÓN DOS PRESUPOSTOS DA XUNTA ATRASARON A SÚA ADXUDICACIÓN

O compromiso da Xunta era ter executadas estas obras a finais deste ano, tendendo en conta que a licitaron o ano pasado, pero a convocatoria de eleccións galegas e o conseguinte atraso na aprobación dos presupostos da Comunidade Autónoma atrasaron tamén os prazos legais da súa adxudicación. Aínda así, cúmprese o acordo establecido entre o Conselleiro Agustín Hernández e o Alcalde Perfecto Rodríguez mediante o cal a Xunta se comprometía a realizar esta obra de envergadura na Reigosa.

A MAIOR OBRA DE SANEAMENTO NO MUNICIPIO DESPOIS DA CONSTRUCIÓN DA EDAR DE PONTE CALDELAS

Pola súa banda, Perfecto Rodríguez manifestou a súa satisfacción porque á fin estas obras estean adxudicadas xa que supoñerán en época de especial recorte e austeridade presupostaria un investimento moi importante para Ponte Caldelas, a segunda en relevancia en materia de saneamento despois da construción da EDAR que dá servizo á vila.

Finalmente, o Alcalde de Ponte Caldelas agradeceu tamén a colaboración veciñal, en especial da Comunidade de Montes da Reigosa, no que se refire á cesión dos terreos necesarios para executar esta importante obra e para a instalación da EDAR, así como ao Conselleiro Agustín Hernández e á Xunta de Galicia por incluír estas obras nos seus plans de investimento.

Con esta obra o Concello de Ponte Caldelas continúa co seu compromiso de dotar de servizos e infraestruturas en materia de saneamento aos núcleos de poboación do municipio a pesar das dificultades da súa orografía e dispersión.

14 de xuño de 2013 | 14:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.