A UIMP impartirá na provincia 16 cursos de verán grazas á colaboración da Deputación
O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, presentou esta mañá na Deputación, acompañado do director da UIMP en Galicia, Domingo Bello Janeiro, os cursos que a Universidade Internacional Menéndez Pelayo porá en marcha este verán na provincia.
Segundo explicou o presidente provincial, serán un total de 16 cursos que se impartirán en diferentes concellos da provincia, desde Ribeira hasta Ortigueira.
Durante a presentación, Calvo salientou a “actualidade e oportunidade da temática que se ha tratar nas sesións”, e puxo como exemplo o curso de Director de Banda que se celebrará en Ortigueira nos días previos á celebración do Festival Celta, ou o seminario sobre Patrimonio Industrial, un valor histórico e turístico, que terá lugar no mes de outubro en Ferrol.
Do mesmo xeito, salientou que grazas á colaboración entre a Deputación e a UIMP, máis de 500 persoas poderán asistir a estas sesións, xa que o habitual é que estes cursos conten cunha matrícula superior aos 30 inscritos.
Calvo lembrou tamén que a Deputación, que colabora cunha achega de 100.000 euros para a posta en marcha dos cursos, concede 80 bolsas para as persoas que o necesiten, que poderán solicitalas a través da páxina web da Deputación, e tamén que os alumnos matriculados en calquera das tres universidades galegas terá automaticamente un 50% de desconto no momento da matrícula.
Pola súa banda, o representante da UIMP en Galicia falou da “excelencia académica” que se busca coa programación deste ano e aludiu á novidade que supón a organización de tres cursos específicos para a formación do profesorado en aspectos de actualidade e de reciclaxe da promoción.
Finalmente, agradeceu o apoio da Deputación para a posta en marcha de toda a programación da UIMP e explicou que o comité científico traballou en todo momento pensando en ofertar á poboación cursos sobre asuntos de actualidade e impartidos por “persoas moi cualificadas”.











