A Selección Galega de Balonmán inaugura a segunda edición do verán deportivo de Tomiño no espazo Fortaleza

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaLocalTomiño
A-
A+
Presentación do evento deportivo

Presentación do evento deportivo

Tomiño pon en marcha o vindeiro sábado, 22 de xuño, o seu segundo Verán Deportivo no Espazo Fortaleza de Goián, que se abrirá co I Trofeo Concello de Tomiño de Balonmán Praia, a disputarse entre a Selección Galega de Balonmán e a selección da zona Norte de Portugal (Aveiro).

Tras estrear en 2012 a vertente deportiva da Praia Fluvial de Goián, este ano amplíase a oferta, pensando sobre todo en facilitar a práctica de deportes aos mozos e mozas de Tomiño, cunha variedade de propostas específicas para estas datas estivais. As disciplinas escollidas para este verán son balonmán, volei e fútbol praia.

A presentación da programación tivo lugar este mediodía no Concello de Tomiño, coa presencia da alcaldesa de Tomiño, Sandra González, a concelleira de Deportes, Cristina Martínez, e os responsables das empresas organizadoras.

O día 22 ás 17.00 horas, arranca en Goián a primeira proba do campionato galego de Balonmán Praia. O circuíto galego terá este ano 5 probas no sur, e 3 na zona norte. Os mellores gañarán o pase á final galega e posteriormente ao campionato de España. As probas finalizarán o domingo a partir das 18.00 horas. Os encontros disputaranse na zona deportiva do Espazo Fortaleza, debidamente acondicionada.

Ademais, o mesmo sábado as sete da tarde, celebrarase á rolda de encontros amigables entre seleccións de Galicia e de Portugal, en categoría senior e xuvenil, masculina e feminina. 

Asemade, de forma paralela aos eventos deportivos, o Concello organiza actividades de ocio para nenos e nenas. O sábado, concretamente, haberá “Castelos de area” e o domingo, “Xogos Xigantes”, ademais de inchables ambos os dous días.

Xa no mes de xullo, será o tempo do voleibol praia, coa proba que abrirá o campionato galego, que constará de seis citas en total. Algunhas das mellores parellas de Galicia (como Valal/Majo ou Diego/Víctor) xogarán cos afeccionados ao volei praia de Tomiño e arredores, para repartir os puntos, de cara ao campionato galego.

No mesmo fin de semana haberá oco para os que xa non son tan mozos, coa categoría súper 80, para maiores de 35 anos.  A guinda a porán os mellores sub-19 e sub-21 de Galicia, que disputarán o campionato galego en categorías masculina e feminina.

E xa no mes de agosto, será o evento con maior demanda de participación: o Campionato de Fútbol Praia, que o ano pasado foi un verdadeiro éxito. Os equipos locais coparán os cadros dun torneo, que contará con categorías masculina, feminina e sub-16. Debido á alta demanda deste torneo e ás limitacións de espazo e tempo, prégase aos equipos interesados que axilicen as inscricións co fin de asegurar a praza.

En todos os campionatos haberá trofeos e agasallos de material deportivo. As inscricións pódense facer online na web www.verandeportivo.com ou chamando ao número de teléfono 607 877 995

19 de xuño de 2013 | 13:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.