A Sala Rivas Briones de Vilagarcía acolle en xuño a obra do artista ourensá Xaime Fuentes
A exposición de Xulio García Rivas do mes de maio deixa paso en xuño á obra de Xaime Fuentes. O artista ourensá trae a sala vilagarciá unha mostra composta por pinturas, esculturas e instalacións que leva por título “Metáforas da desolación e a esperanza”. Esta nova exposición inaugúrase mañá venres, e poderase visitar ata o 7 de xullo.
Xaime Fuentes Arias naceu en Ourense no ano 1965 pero dende hai 3 anos reside en Vilagarcía. En “Metáforas da desolación e a esperanza” este artista multidisciplinar amosa un compendio de obras realizadas con distintas técnicas e tamaño, e con diferentes soportes e texturas. A ala Rivas Briones enche paredes e espazos coas pinturas de mediano e grande formato, miniaturas, tintas, papel, madeira, esculturas e instalacións en ferro, aceiro. Todo elo, proba da variada formación do autor que estudou Debuxo lineal, no Instituto de Formación Profesional (Chamoso Lamas); Belas Artes , Ilustración e Artes Gráficas, na Escola Superior de Artes Aplicadas Antonio Failde, de Ourense; Gravado Calcográfico e Técnicas Aditivas, no Centro Internacional da Estampa Contemporánea, de A Coruña e que completou a súa faceta creadora traballando en talleres as técnicas da chapisterías, carrocerías, carpinterías metálicas, BRIAT, estruturas Metal e formigón.
A traxectoria expositiva de Fuentes conta xa con 20 anos. Iniciouse no ano 1993 e dende entón o ourensá ten participado en numerosas exposicións individuais e colectivas por todo o territorio galego, en cidades de Portugal e en Madrid. As súas obras tamén forman parte de diversas coleccións privadas nacionais e de Estados Unidos, Portugal, Alemaña, Panamá e Arxentina, entre outras.











