A “Ruta dos faros de Galicia” permitirá percorrer toda a costa norte galega e gozar da riqueza de Ferrol e a súa comarca

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

A Concellería de Turismo do Concello de Ferrol, que dirixe María del Carmen García Fraga, presentou esta mañá a viaxe inaugural do tren “Ruta dos Faros de Galicia” que sairá o sábado día 22 dende a estación ferroviaria de Ferrol e percorrerá toda a costa norte galega ata chegar a Ribadeo. A edil estivo acompañada pola xerente de Turgalicia, Carmen Pita.

Esta proposta turística permitirá os fines de semana alternos, dende este sábado ata o 15 de setembro, gozar dunha ruta longa pola comarca de Ferrolterra que discorre pola Mariña Lucense finalizando en Ribadeo mentres que a ruta curta concluirá en O Barqueiro. “Este paquete turístico dará a coñecer a riqueza da nosa cidade e comarca tanto histórica e cultural como paisaxística e sobre todo o noso produto estrela, a Ruta da Construción Naval” salientou a edil de Turismo. Durante todo o percorrido polo costa norte de Galicia, os viaxeiros dispoñerán do servizo dun guía especializado que lles axudará a coñecer e comprender os paisaxes e a historia dos lugares polos que transitarán. Pola súa parte, a xerente de Turgalicia, Carmen Pita, manifestou que “o Ferrol da Ilustración é un dos mellores produtos turísticos de Galicia e esta iniciativa facilitará o coñecemento da zona”.

Venta de billetes

Os interesados realizar a “Ruta dos Faros de Galicia” poden adquirir os billetes a través da páxina web: www.renfe.com e obter máis información na Oficina de Turismo do Concello de Ferrol. O prezo para o itinerario curto é de 35 euros e o longo de 40 euros mentres que os nenos poderán viaxar en ámbalas dúas rutas por 10 euros. Esta novidosa proposta turística, impulsada por Turgalicia, conta coa colaboración do Concello de Ferrol e a Red Nacional de Ferrocarriles Españoles (Renfe).

20 de xuño de 2013 | 18:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.