A quinta edición da “Camiñata contra o Cancro” da Laracha celebrarase este sábado
A Xunta Local da Laracha da Asociación Española Contra o Cancro organiza, coa estreita colaboración do Concello da Laracha e de Coca-Cola, a cuarta edición da camiñata contra o cancro, que se celebrará durante a tarde deste sábado día 22 de xuño.
O programa desta xornada deportiva, recreativa, social e benéfica comezará a desenvolverse ás 18.00 horas nas instalacións da biblioteca municipal da Laracha, lugar no que serán entregados os dorsais a todos os participantes e onde se levará a cabo a venda das rifas para o sorteo de dúas bicicletas.
Para as 18.30 está fixada a saída da marcha popular. A ruta, como en anos anteriores, consistirá nun percorrido polo paseo fluvial do río Anllóns desde a zona de Leborís ata a área recreativa Gabenlle, na que se realizarán actividades físicas dirixidas por monitores de aeróbic e ximnasia de mantemento.
Para rematar a xornada o Concello da Laracha convidará a todos os asistentes a unha merenda e procederase ao sorteo dos regalos.
A Xunta Local da Laracha da Asociación Española Contra o Cancro aproveitará a xornada, ademais, para desenvolver unha campaña dirixida á prevención do cancro de pel, coa que se concienciará e informará a todos os presentes sobre as diferentes maneiras de protexerse das radiacións solares de cara á chegada da época estival.
A recadación obtida durante a V Camiñata Solidaria destinarase integramente á causa da Asociación Española Contra o Cancro. A Xunta Local da Laracha e o Concello convidan a participar neste evento a todos as persoas que así o desexen, sexan residentes neste ou en calquera outro municipio.











