A primeira edición de Faiponting, celebrada ao longo de toda a xornada do domingo, remata con grande éxito

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalPontevedra
A-
A+

A primeira xornada da actividade organizada polo proxecto de lecer Faiponting, pechou cunha valoración de asistencia moi favorable. Moitos foron os que gozaron ao longo de todo o día das numerosas actividades para todas as idades entre as que se atopaban espectáculos e obradoiros ao aire libre, roteiros, etc. Uns, coñecedores da oferta cultural e de ocio prevista para onte e outros, que se achegaron a pasear e se viron positivamente sorprendidos pola música, as performance, os cantos e as danzas que salpicaban de xeito pouco habitual os recunchos da Illa do Covo.

O día comenzou ás 11:00 horas coa saída do primeiro roteiro no que participarón máis de 30 persoas. O arquitecto Santiago Ezquieta guiou aos/as asistentes por lugares que normalmente non permanecen accesibles ao público, tales coma a terraza, os cameríns ao a cuncha acústica e o  peine. A súa coidada explicación destacou aspectos coma a intención de Manuel de las Casas de integrar o complexo Pazo- Auditorio – Recinto non só entre eles, senón co seu entorno. De ahí que elixira a pizarra verde, que evocara na súa entrada a arquitectura dun peirao e que apostara polas enormes cristaleiras que enchen os espazos de luz natural e fan posible que non perdamos de vista o rio dende case calquera ángulo das instalacións do auditorio. Unha construcción fermosa no seu conxunto, pero tamén se valoramos detalle a detalle por separado: as cores, os pasillos, as luminarias… que Itziar, artista que iniciou a posteriori o percorrido pola Illa do Covo, invitou a contemplar con detemento. A peza clave do percorrido foi, sen dúbida a terraza, que cunha altura de 12 pisos permite a quen se asoma dende ela, gozar dunhas vistas privilexiadas da nosa cidade, e seguir o percorrido do Lérez dende Monteporreiro á A Barca e as súas 5 pontes.

 Tras unha visita á Sala de Exposicións na que Antón Sobral explicou “Nova York, Viena, Milán, Pontevedra” clausurada onte, o roteiro continuou o seu camiño pola Illa do Covo, coñecida popularmente como Illa das Esculturas xa que segundo comentou Itziar “os lugares moitas veces adoitan adoptar o nome de aquilo que os habita”.  Acompañados/as da performance de Paula Quintas “Breakfast accumulation” e “Baila un vestido verde” de Marta Alonso, achegámonos ao monolito “Sen título” de  Ulrich Rückriem situado en simetría co edificio que se atopa na outra marxe do río,  ás tres pezas de “Petrarca” e o seu correspondente soneto recitado pola guía, ata completar as 12 esculturas repartidas pola Illa. Pequenas e curiosas explicacións que lle deron sentido a cada unha delas e plantaron a semente da curiosidade, invitando aos asistentes ao roteiro a voltar noutro momento, a reflexionar e analizar con calma eses descubrimentos e a compartilos.

Un percorrido de case tres horas nas que pequenos e maiores gozaron dos detalles nos que non repararan, onde aprenderon algo máis da nosa cidade e sobre todo, do outro lado do río, ao que as veces por pereza non nos atrevemos a cruzar.

Os nenos/as tiveron un especial protagonismo na mañá, xa que atoparon varias das botellas con mensaxe que agocharan os asistentes ao obradoiro “Fluíndo no Río Lérez” celebrado hai días. Moitos foron os que construíron o seu propio instrumento cos monitores da Aula Folque, e moitos máis os que gozaron do espectáculo “Trogloditas” de Tanxarina: Actores irrecoñecibles, maquillados facendo honra ao título do espectáculo, unha cova chea de ferramentas e trebellos prehistóricos, os característicos e ben coidados títeres de madeira da compañía e moito humor. Todo nun escenario irrepetible, rodeados de árbores a natureza que axudaron a que durante 45 minutos os asistentes se trasportaran a tempos remotos.

Tras un descanso para comer, a actividade reanudouse cun novo roteiro ás 17:00 horas no que se xuntaron preto  de 50 persoas para percorrer o Pazo e a Illa. Novamente a valoración por parte dos asistentes foi moi positiva polo que non se descarta repetir esta actividade nun futuro próximo.

A programación da tarde foi intensa, con actividades que se realizaron simultáneamente e contando algunhas delas con varios pases. Ademais da animación para nenos/as no Parque Infantil con maquillaxe, globoflexia e xogos varios, a danza contemporánea e a música tiveron un papel destacado durante todo o serán. Cristina Balboa e o seu “mp3-c3PO”, “Corpo-cámara site specific”, Paulina Funes e Mimadriña coa performance acuática “Papel Mollado na que construíron barquiños de papel dende o propio río, “Oco” de Doutras, “Sen título” de David Loira que misturou flamenco e tradición galega, etc.. Non faltaron a música e os cantos da man de Tiroliro Regueifeiros que improvisaban ao paso dos camiñantes, o Trio Cordas e o concerto íntimo de Primordiais “Cantos na eira” que pechou xornada na presenza dos últimos paseantes.

O paseo sonoro, de dio3Stu & alg-a-lab contou tamén con numerosa participación e completou a oferta cultural e de lecer da xornada Faiponting. Unha experiencia piloto que superou as expectativas facendo que o público dera o paso cara o outro lado do río, e que será, sen dúbida, a primeira de moitas.

3 de xuño de 2013 | 17:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.