A Praza da Igrexa de Lalín será escenario do segundo mercado tradicional “Lalín, compromiso de calidade”

Vista do primeiro mercado tradicional do sábado
O Mercado Tradicional “Lalín, Compromiso de Calidade” celebra mañá a súa segunda edición, tras a súa estrea, o sábado 22 de xuño, coa feira de San Xoán, que se correspondeu coa estación do verán -cada estación do ano hai un mercado trimestral-, e na que participaron ao redor dunha trintena de vendedores de produtos hortícolas e de artesanía.
O Mercado do sábado 29 xuño e seguintes que terán lugar ata celebrarse o Mercado trimestral correspondente ao outono, desenvolverase en xornada de mañá, de 9 a 14 horas -os trimestrais son todo o día- e reunirá a postos de alimentación, polbo, churrería, entre outros.
A concelleira de Actividade Económica, Comercio e Emprego, María José Batán destaca “a boa participación alcanzada na posta en funcionamento deste Mercado Tradicional co que se procura a dinamización, cunha valoración ademais da hostalería”. “Participaron todos os vendedores e produtores que tiñan confirmado e ademais hai que resaltar que houbo representación moi diversa, con presenza importante de agricultores do rural -de Muimenta, Donramiro, Goiás e Carbia- e logo tamén de vendedores máis expertos”, afirma.
“A maioría dos vendedores do Mercado de San Xoán esgotaron as existencias, sobre todo de patacas, tomates, etc, e teñen xa encargos para as seguintes semanas, o que demostra a moi boa aceptación que tiveron os produtos por parte dos clientes, que foron presentados en cestos e elementos rústicos”, fai fincapé.
Batán sinala que “durante estes días seguen chamando novos participantes e vendedores para unirse ao Mercado dos sábados, pois fixamos un prazo aproximado de dous meses para sumar novas adhesións e ademais hai que ter en conta que esta primavera non foi do máis axeitada para ter produción de cedo, xa que aínda está madurando agora”. “Polo tanto, insistimos en animar á xente, especialmente daqueles produtores que teñan excedentes das súas colleitas, a que se sumen á iniciativa que pretendemos que pouco a pouco se vaia consolidando”, incide.











