A Policía Local inicia o luns unha campaña de vixilancia sobre a tenza de cans na vía pública
O goberno de Culleredo aposta por asegurar a correcta convivencia cos cans na vía pública, reducindo ao máximo as molestias que puidesen xerar. Con ese obxectivo, a Policía Local de Culleredo comezará o próximo luns unha campaña especial de vixilancia para velar que se cumpren todas as condicións de seguridade e limpeza na tenza de cans.
Os axentes farán fincapé especialmente en dous aspectos. En primeiro lugar, nas deposicións. Os efectivos controlarán que os propietarios dos cans recollan as defecacións e deixen limpa a vía pública, algo aínda máis necesario coa chegada do verán.
En segundo lugar, a Policía Local supervisará que os cans se encontren correctamente asegurados. Tal e como marca a normativa, é obrigatorio que o can vaia sempre suxeito ao dono, con cadea ou correa. No caso dos cans potencialmente perigosos, deben ir con bozo.
A campaña municipal centrarase nas zonas do concello con maior presenza de cans. Neste sentido, a vixilancia reforzarase nos espazos verdes de Vilaboa, ou Burgo e a zona urbana en xeral.
Con esta iniciativa, o Concello quere continuar promovendo as boas prácticas na tenza de cans. Os hábitos dos propietarios son cada vez mellores, ao que colaboraron as campañas informativas realizadas, polo que o equipo de goberno aposta por continuar en esta liña e seguir mellorando esta convivencia.
O primeiro tenente de alcalde, e responsable de Seguridade Ciudadana, José Ramón Riobóo, explica que a medida persegue evitar riscos e molestias para os veciños á vez que propiciar as condicións para que os donos dos cans poidan pasealos. En Culleredo temos amplas zonas verdes ás que acoden a diario centos de veciños e moitos nenos polo que hai que mantelas no mellor estado”, afirma.











