A Policía Local de Ares precinta a maquinaria dunha empresa madereira que estaba traballando sen autorización
O Concello de Ares, a través da súa Policía Local, levou a cabo esta mañá o precintado da maquinaria que estaba a utilizar unha empresa madereira que traballaba sen licenza algunha e sen depositar o aval que se esixe nestes casos como garante ante a posibilidade de que se produzan danos, extremo que xa se produciu nalgúns camiños do municipio, con desperfectos valorados polos técnicos en arredor de 14.000 euros.
Como explicaron dende a Policía Local, esta medida, que se axusta ao que dicta o artigo 141 da Lei de Montes de Galicia, de agosto de 2012, levouse a cabo despois de que ninguén da compañía fixera caso algún ás advertencias formuladas ao respecto. Así as cousas, os axentes desprazáronse ao lugar no que a empresa estaba operando e precintaron unha furgoneta e un tractor –autocargadora de madeira-.
O alcalde, Julio Iglesias, que constatou xunto co concelleiro de Obras, José Juan Vilar, os danos realizados polo paso deste tipo de vehículos en varios camiños, asegurou que a maquinaria precintada seguirá así mentres que esta empresa non tramite como corresponde a pertinente autorización municipal e non deposite o aval para os danos, e engadiu que este mesmo procedemento se levará a cabo con todas as compañías madereiras que operen no municipio coa finalidade de evitar que os viais do concello sufran danos e, de se produciren, sexan os causantes dos mesmos os que se ocupen da súa reparación total.











