A piscina municipal de Ordes abrirá as súas portas o 1 de xullo
A piscina municipal de Ordes ubicada no Campo da Feira abrirá as súas portas o vindeiro luns 1 de xullo e así han de permanecer ata o próximo 15 de setembro. O Concello de Ordes continúa facendo entrega dos carnés de cara a esta nova tempada. No caso dos menores de idade (ata 16 anos) deberán aboar 12 euros mentres que para os adultos (a partir de 16 anos) serán 20 euros.
Quen o prefira poderá adquirir bonos mensuais para os meses de xullo e agosto. Para os máis novos Terán un prezo de 6 euros mentres que para os adultos ascenderá a 12 euros. Xa de cara a setembro as cuantías serán de 3 e 6 euros respectivamente. As entradas individuais ascenderán a 1 euro para os menores e 1,50 euros no caso dos adultos. Como cada ano o Concello de Ordes ten prevista a realización de cursos de natación de luns a venres en horario de mañá.











