A patinaxe artística chega a Ourense da man do Club Deportivo Ourela
O Club Deportivo Ourela e o Concello de Ourense organizan unha exhibición de patinaxe artística para presentar este deporte na cidade. Terá lugar o sábado 29 de xuño ás 18.30 h. no pavillón dos Remedios. Esta exhibición servirá como presentación oficial do Club Deportivo Ourela que se establece en Ourense como primeiro club de patinaxe artística da provincia. Contarase coas actuacións dos patinadores e patinadoras do Club Alquimia de Carral e Liceo La Paz de A Coruña.
Os participantes ofrecerán unha mostra de diferentes modalidades e categorías deste deporte. Entre as que destacan os subcampións de España senior en parella de danza: Raquel Rodríguez e Alberto Artigas, e a parella cadete que acaba de clasificarse terceira de España: Irene Fernández e David Salido. Cóntase tamén co grupo de show do Club Alquimia con experiencia en campionatos nacionais e internacionais.
O Club Deportivo Ourela comezará a súa actividade en Ourense a partir de setembro, pretendendo formar patinadores e patinadoras que poidan representar esta provincia en competicións oficiais. Para isto contan cun equipo técnico titulado e con gran experiencia noutros clubes de competición. Unha das súas adestradoras, Nuria Rives Busto, vén de acadar co grupo catalán PA Blanes Fundació o título de Campións de Europa este mesmo ano.











