San Sadurniño recupera o seu maratón de fútbol sala
Estiveron de moda nos anos 90 e San Sadurniño foi durante moito tempo unha cita obrigada para moitos equipos da comarca -uns federados e outros creados ex profeso-. Agora o clube local Sansa Futsal recupera este tipo de competicións a través do Maratón de Fútbol sala San Sadurniño 2013, que se celebrará na pista do pavillón municipal os días 5, 6 e 7 de xullo.
As inscricións no maratón poderán facerse até o 3 de xullo e o sorteo dos grupos efecturarase ao día seguinte. Quen queira apuntarse deberá chamar aos números 630 288 080, 646 103 708 e 636 999 847.
Cada equipo terá que pagar 100 euros para optar a facerse con algún dos tres primeiros premios: 1.300 euros e trofeo para o primeiro, 600 e trofeo para o segundo e 200 e trofeo para o terceiro. Estas cantidades están calculadas para unha competición que consiga xuntar 32 equipos e reduciranse proporcionalmente se non se alcanza ese número.
As regras polas que se rexerá o maratón son as que marca a Liga Nacional de Fútbol sala e a organización sinala no cartaz anunciador que a idade mínima de participación son 16 anos. Ademais, tamén se apunta que a organización non se fará responsable de ningunha perda ou dano que se poida producir durante a competición.
O maratón de San Sadurniño está organizado polo clube local Sansa Futsal, unha entidade formada recentemente por xente moza de San Sadurniño e de parroquias limítrofes, como Doso e Pedroso. O Concello colabora neste evento ao que se suman 35 patrocinios de empresas da zona.
Torneo de fútbol base
Antes do maratón, San Sadurniño tamén terá unha cita co balón na fin de semana do 14 ao 16. O campo municipal de Corrás acollerá unha nova edición do torneo provincial de fútbol base que organiza o clube de fútbol local en colaboración co Concello.
Trátase dun torneo de fútbol 7 para prebenxamíns, benxamíns, alevíns e infantís con oito equipos por categoría ao que acoden clubes de toda a provincia. O CF. San Sadurniño leva varios anos organizando esta actividade que reune arredor de 400 nenos. O Concello participa no evento dentro do convenio asinado coa entidade para a promoción do deporte de base, no que tamén se recolle a cesión de uso das instalacións.
Ademais, a concellaría de Deportes adiantou a apertura da piscina municipal a esa fin de semana para que todos os nenos e nenas -participantes ou non na competición- poidan choupar nela entre partido e partido completamente gratis.











