A oficina municipal de vivenda xestionou o pasado ano 26 rehabilitacións nas Aris de Vilaxoán, Carril e Vilagarcía
A Oficina Técnica de Rehabilitación do Concello de Vilagarcía tramitou en 2012 un total de 26 actuacións de rehabilitación de edificios e vivendas nas Aris de Carril, Vilaxoán e o Casco Vello de Vilagarcía. Estas actuacións sumaron un orzamento total que superou os 250.000 euros, dos cales 127.000, corresponden a axudas a fondo perdido financiadas polo Ministerio de Fomento, o Instituto Galego de Vivenda e Solo e o Concello. Esta suma supón que máis do 50 por cento do custe das obras foi subvencionado a través das axudas públicas para as tres Áreas de Rehabilitación Integrada.
Aínda a pesar da crise que está a afectar moi especialmente ao sector da construción, para este ano 2013 prevese un investimento para as tres ARIS de máis de 160.000 euros en actuacións de rehabilitación, dos que uns 70.000 euros concederanse en concepto de subvencións a fondo perdido das que se beneficiarán os solicitantes.
Boas expectativas para 2014, con 11 solicitudes para as ARIs
Incluso para o 2014 xa foron solicitadas 11 actuacións de rehabilitación: 4 para o núcleo de Carril, 5 para o de Vilaxoán e 3 para o Casco Vello de Vilagarcía.
As labores da Oficina Técnica de Rehabilitación do Concello traballa na recuperación arquitectónica e a rexeneración urbana de todo o municipio, polo que as súas funcións non se limitan a limitan á tramitación de proxectos nas ARIs, senón que tamén asesoran a particulares sobre proxectos e actuacións a acometer nas súas vivendas e tramitan as correspondentes solicitudes de financiamento a través das correspondentes liñas de subvención que ofrecen as administracións. Neste marco sitúanse as actuacións de rehabilitación ou mellora das condicións de habitabilidade e de eficiencia enerxética tramitadas nos núcleos rurais do municipio por valor de case 37.000 euros, cunha cantidade en concepto de subvencións a fondo perdido de 17.500 euros.
No que respecta ao Plan Renove, do que se poden beneficiar aquelas vivendas situadas en solo urbano que non estea dentro da delimitación das ARIS, o montante total das actuacións tramitadas pola Oficina Municipal ascende a máis de 600.000 euros.
A Oficina tamén elaborou ata agora as visitas de inspección e os informes de Taxación para incorporar as vivendas ao Programa Aluga da Xunta de Galicia, así como os informes finais de desocupación de ditas vivendas, una vez que remataron os prazos de aluguer.
Asesoramento económico e técnico das obras con visitas aos inmobles
Por último, durante o ano 2012 e o que vai de 2013, os técnicos da Oficina atenderon de forma gratuíta a un total de 111 veciños que solicitaron asesoramento sobre as distintas liñas de axudas e os diversos problemas técnicos e de mellora das condicións de habitabilidade das súas vivendas. Cada ano son máis os veciños que se achegan á Oficina para se informar das mellores e máis modernas técnicas construtivas, materiais máis duradeiros e que mellor se integran na estética do inmoble, prezos actuais de mercado, trámites administrativos e permisos, etc. para acometer calquera tipo de obra nos seus edificios e vivendas. Os técnicos realizan unha visita aos inmobles que así o soliciten para valorar os seus problemas e asesorar aos propietarios dos mellores xeitos para acometer obras de acondicionamento, reparación e rehabilitación, así como os custes que poden supoñer todas as actuacións coas máximas garantías de calidade e perdurabilidade.











