A Oficina de Turismo de Ortigueira reábrese para reforzar durante o verán o servizo do centro de recepción de visitantes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOrtigueira
A-
A+

Comeza o verán e o concello prepárase para recibir, unha tempada máis, miles de visitantes. Para garantir a súa axeitada atención, a Concellaría de Turismo de Ortigueira reforza dende hoxe os servizos de información que presta o municipio. As medidas inmediatas, a ampliación horaria do Centro de recepción de visitantes e a reapertura da antiga Oficina de Turismo da Lagarea.

O departamento que dirixe Mª Cruz Sabio aposta un ano máis por descentralizar a súa oferta, facilitando así a cantos se acheguen a Ortigueira información sobre os principais recursos e elementos de interese da localidade. O funcionamento coordinado de ambos os dous equipamentos permitirá ademais contar con servizos os sete días da semana.

O Centro de interpretación e recepción do visitante, situado no porto de Ortigueira, estenderá o seu horario, pasando a funcionar durante toda a tempada alta de luns a venres de 10:30 a 14 e de 17:30 a 21 horas, e os domingos en horario de tarde. Mentres, na antiga Oficina de Turismo, que realizará un labor de apoio, se atenderá ao público de 11 a 14 e de 17 a 20:30 horas, pechando unicamente os domingos pola tarde e os luns.

Ademais, apúntase que durante a semana do Festival Internacional do Mundo Celta, declarado Festa de Interese Turístico Internacional, se realizará un esforzo suplementario que posibilitará a apertura diaria e en horario continuado ata as 22 horas de ambas as dúas infraestruturas.

O Concello de Ortigueira, que durante o mes de abril estreaba a Oficina Virtual de Turismo, dispoñible a través de dispositivos móbiles as 24 horas do días, dentro dun proxecto global da Asociación Vilas Mariñeiras, busca deste modo reforzar ao máximo as súas “ferramentas” para captar visitantes e garantir ao turista a posibilidade de acceder calquera día a unha información presencial completa sobre os recursos turísticos da localidade.

Cara a mediados de mes, a concellaría prevé abrir ademais unha terceira caseta informativa en Loiba, un punto de atención ao visitante que terá este verán especial importancia, debido á posta en funcionamento ao longo deste verán na parroquia da área de autocaravanas municipal.

25 de xuño de 2013 | 18:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.