A oficina agraria informa que está aberto o prazo para solicitar autorización para realizar fogueiras de San Xoán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínLocal
A-
A+

A Oficina Agraria do Concello de Lalín ten aberto o prazo de presentación de solicitudes para a realización das fogueiras de San Xoán, que non poderán superar os 8 metros de diámetro nin os 3 metros de altura. A data límite para o rexistro das peticións de cacharelas será o próximo mércores, 19 de xuño, a fin de que os técnicos municipais avalíen todas as propostas para que cumpran as normas de seguridade establecidas.

A separación entre as fogueiras e os edificios, árbores e demais obxectos que poidan resultar danados será como mínimo de 12 metros. Porase así mesmo especial coidado de non situalas baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, así como que nos arredores non haxa almacenados produtos inflamables nin zona forestal no redor.

Estará prohibida a queima de pneumáticos, plásticos, aceites e en xeral calquera outra substancia que desprenda fumes tóxicos e coidarase de non botar ao lume recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión aínda que estean baleiros.

No suposto de que a fogueira se faga sobre terreos de uso público lousado, asfaltados ou pintados, os organizadores encargaranse de protexer o pavimento e pintura cunha capa de area de 10 centímetros en toda a superficie da lumarada, que deberán retirar unha vez finalizada a actividade.

Ao rematar a cacharela e antes de abandonar o lugar desta, os responsables da organización coidarán que as cinzas queden totalmente apagadas.

O ano pasado foron autorizadas un total de 56 cacharelas de San Xoán en todo o termo municipal lalinense.

12 de xuño de 2013 | 16:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.