A mellora da seguridade viaria prosegue co pintado da sinalización en Rubiáns e instalación de bolardos no anexo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVilagarcía de Arousa
A-
A+

O plan de mellora da seguridade viaria prosegue esta semana con dúas actuacións que xa se están acometendo en Rubiáns e no acceso ao colexio Anexo A Lomba. Os traballos que están realizar os operarios municipais afectan á sinalización horizontal e vertical e a adopción de medidas de protección para os peóns.

O concelleiro Tráfico, Benito Pérez Dorgambide, explicou que seguindo coas actuacións para incrementar seguridade viaria no municipio, esta mañá estanse a realizar traballos de mellora da sinalización horizontal e vertical en Rubiáns, en concreto no acceso a Loenzo onde, ademais de pintar a sinalítica do chan, tamén se están colocando novas sinais verticais para advertir aos condutores.

Os operarios do Concello tamén traballan desde esta mañá na rúa Marxión, en concreto no acceso ao colexio Anexo A Lomba dende Juan Carlos I. A actuación neste tramo consiste na instalación de bolardos na beira da calzada que da aos Xardíns Doutor Fleming. Con esta medida preténdese evitar que os vehículos estacionen nunha franxa que está habilitada como zona de tránsito dos escolares. Para garantir a seguridade neste paso tamén está previsto instalar unha varanda protectora, dado o desnivel existente entre a calzada e os xardíns.

Unha vez que rematen os traballos nestes dous puntos, os operarios trasladaranse a Carril para realizar as actuacións de mellora da seguridade viaria previstas na Rúa A Xalda, onde se pintará a sinalización horizontal, incluído pasos de peóns, sinalizaranse correctamente as zonas de estacionamento e se asegurará a zona habilitada para o paso dos nenos e nenas que acoden ao colexio.

5 de xuño de 2013 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.