A liquidación do orzamento do 2012 deixa un resultado positivo de case un millón de euros
A liquidación do orzamento do 2012 deixa un resultado orzamentario axustado de case un millón de euros. Este foi un dos datos avaliados pola Comisión informativa especial de contas reunida hai poucos días onde se deu luz verde á proposta de aprobación da conta xeral do 2012. Unha vez superado este trámite a conta debe estar en exposición pública antes da levala a pleno.
O alcalde de Teo, Martiño Noriega, responsable política ademais da área económica municipal amósase satisfeito polos bos resultados orzamentarios. Noriega destaca “a solvencia e a seriedade da xestión económica nun momento especialmente complicado para a autonomía municipal”. A pesares desta situación e da grave crise económica que “afecta de xeito importante ós ingresos municipais fomos quen de manter un endebedamento bancario razoable respecto á situación de Concellos similares e de ter un aforro neto de máis de medio millón de euros”. Outros datos económicos como o remanente de tesourería tamén se diminuíu considerablemente quedando en -1.578.118 euros.
O rexedor teense destaca que “esta xestión económica e os esforzos realizados só teñen sentido na medida en que seguimos mantendo os servizos á cidadanía”. Os axustes e a contención no gasto “que estamos realizando exercicio tras exercicio van vinculados á política na que cremos, ó mantemento dos servizos básicos e das políticas culturais, de servizos sociais, educativas e de conciliación que fomos capaces de por en marcha nos últimos anos”.
Respecto da débeda bancaria do Concello no 2012 houbo un incremento deixándoa en 167 euros por habitante, sobre todo polo crédito para o pago a proveedores ó que “de facto” obrigou o ministerio de Facenda. Martiño Noriega é absolutamente crítico “cunha operación bancaria de refinanciamento da banca na que os bancos reciben cartos de Europa a un 1% e o Ministerio de Facenda negocia que os Concellos llo teñamos que devolver a un interese dun 5%”. Así mesmo mantén “que nos seguimos mantendo nuns números razoables respecto da débeda doutros Concellos da Comarca, cun endebedamento por habitante menor ca municipios similares en poboación”.











