A Laracha renovará nos próximos días o pavimento en tres céntricas rúas do casco urbano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal
A-
A+

Continuando co Plan de mellora da seguridade viaria en rúas dos cascos urbanos do municipio, o Concello da Laracha realizará durante esta semana a nova pavimentación das céntricas rúas Rosalía de Castro, Lino Gómez Canedo e Josefa Suárez Gesto, situadas na capital municipal.

Acometerase nestas vías urbanas unha completa renovación da capa de rodadura, incluíndo o fresado, pavimentación con aglomerado asfáltico en quente e a posterior sinalización horizontal co pintado da sinalización, prazas de aparcamento e do resto das marcas viarias.

Debido á execución deste proxecto, será necesario restrinxir o tráfico rodado por estas rúas desde mañá martes e ata o xoves, día no que está previsto rematar os traballos sempre e cando as condicións climatolóxicas así o permitan. Non obstante quedará garantido o acceso desde a Avenida Fisterra ata a rúa Manuel Murguía (onde se sitúan a piscina municipal, a Casa da Cultura, a biblioteca e o IES Agra de Leborís) por outras vías alternativas.

A nova pavimentación das rúas Rosalía de Castro, Lino Gómez Canedo e Josefa Suárez Gesto forma parte do mesmo proxecto a través do que xa foi mellorada a seguridade viaria nas rúas Silverio Moreda, Carballo, Plácido Pedreira, Suiza, Santa Lucía, Médico David Mallo Gómez e Río Anllóns.

17 de xuño de 2013 | 20:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.