A Laracha inicia a selección das alumnas do curso de atención sociosanitaria a persoas no domicilio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal
A-
A+

O Concello da Laracha, a través da súa Axencia de Emprego e Desenvolvemento Local, iniciou o proceso de selección das quince alumnas do curso de atención sociosanitaria a persoas dependentes no domicilio que está previsto que comece a impartirse o próximo día 1 de xullo nas instalacións do centro sociocultural da parroquia de Lendo.

Optan ás prazas un total de 21 mulleres despois de que o Concello da Laracha solicitase á Oficina de Emprego de Carballo un listado de persoas que se adecuasen ao perfil requirido por tratarse dunha acción formativa dirixida prioritariamente a persoas que se atopan actualmente en situación de desemprego. Trala entrevista colectiva desenvolvida esta mañá na Casa da Cultura da Laracha, os técnicos municipais seleccionarán nos próximos días ás quince alumnas.

Esta acción formativa consta de 618 horas lectivas , das cales 120 horas corresponderán á parte práctica, e capacitará oficialmente ás alumnas que completen o curso para traballar no sector, xa que percibirán o título homologado pola Xunta de Galicia e terán dereito a solicitar o certificado de profesionalidade na citada especialidade.

A Consellería de Traballo e Benestar financiará integramente o curso, cuxo orzamento ascende a 58.600 euros. O Concello da Laracha encargarase da organización, poñendo a disposición dos alumnos e do persoal docente o centro sociocultural de Lendo, unhas modernas instalacións que dispoñen dunha aula multiusos homologada para acoller este tipo accións formativas, equipada ademais cunha ampla e funcional cociña.

A Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia e o Concello da Laracha volven apostar e a tomar medidas efectivas para potenciar a formación das persoas desempregadas e ofrecerlles novas vías para a súa inserción no mercado laboral. A atención sociosanitaria a persoas dependentes no domicilio é unha especialidade con demanda real de emprego no sector privado.

18 de xuño de 2013 | 10:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.