A Laracha e Carballo promoven o proxecto de soterramento de infraestruturas eléctricas en A Piña
Os Concellos da Laracha e de Carballo volven coordinarse para promover conxuntamente un novo proxecto que afecta ao núcleo limítrofe de A Piña, situado entre as parroquias de Vilaño (A Laracha) e de Sofán (Carballo).
Neste caso trátase dunha actuación dirixida a soterrar as infraestruturas eléctricas nas inmediacións da capela de San Adrián, isto é, as redes de alta e baixa tensión e a referida á iluminación pública. Isto permitiría eliminar o cableado aéreo, aumentar o espazo en superficie para maior comodidade de vehículos e peóns e mellorar a estética en toda esta zona.
O proxecto ten un orzamento total superior aos 109.000 euros, que se solicita cofinanciar con fondos da convocatoria de subvencións da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia para o soterramento de infraestruturas eléctricas que transcorran por un ou varios termos municipais na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013 (DOG Núm. 97 do 23 de maio de 2013).
A agrupación de municipios á hora de presentar a solicitude de subvención é un dos criterios de valoración estipulados nas bases da convocatoria, polo que aumenta as posibilidades de acceder á axuda solicitada.
Precisamente o núcleo de A Piña foi un dos lugares afectados polo acordo unánime do proxecto de deslinde alcanzado recentemente polo comité no que estaban representados ambos municipios.











