A Laracha e Carballo promoven conxuntamente o proxecto de mellora dos accesos ao polígono desde a DP-1909

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaCarballoLocal
A-
A+

Os Concellos da Laracha e de Carballo presentarán un proxecto conxunto á Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia ao abeiro da convocatoria de axudas encamiñadas á habilitación e mellora das infraestruturas dos parques empresariais galegos.

Durante os últimos días os alcaldes de ambos municipios, José Manuel López Varela e Evencio Ferrero, acompañados por concelleiros dos grupos de goberno e por persoal técnico, mantiveron reunións para consensuar o contido deste proxecto común, que ten un orzamento total de case 229.000 euros.

A actuación deseñada por ambos municipios inclúe a realización das canalizacións para a recollida de augas pluviais e a completa pavimentación coa calidade da mestura bituminosa en quente nos 2.814 metros de lonxitude da estrada que comunica os lugares de A Xesteira (parroquia de Lendo, A Laracha, no acceso ao polígono industrial) ata Castelo (carballesa parroquia de Vilela). Ademais, contémplase a ampliación da plataforma da calzada en determinados puntos, alcanzándose unha anchura en certos tramos de ata 6,30 metros.

Trátase dunha vía de importantes niveis de tránsito de vehículos ao ser a principal estrada de comunicacións entre a zona do polígono industrial da Laracha coas localidades de Caión (A Laracha) e Baldaio (Carballo).

No caso do Concello da Laracha, está previsto que a Xunta de Goberno Local autorice a realización desta solicitude na súa próxima sesión ordinaria, que se celebrará o luns.

O proxecto será liderado por A Laracha dado que afecta aos accesos do seu parque empresarial e tamén a unha lonxitude viaria maior que en Carballo. En concreto, o investimento na Laracha sería de 135.500 e, en Carballo, de 93.500 euros.

A colaboración entre os Concellos da Laracha e de Carballo ao presentar esta solicitude conxunta e ao estar ambos comprendidos no Plan Revive Costa da Morte, permite optar a unha subvención de 180.000 euros, a contía máxima segundo se establecen nas bases da convocatoria.

 

1 de xuño de 2013 | 12:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.